Rapazas e rapaces tomiñeses móllanse polos ríos e recollen máis de 140 quilos de lixo

Rapazas e rapaces tomiñeses móllanse polos ríos e recollen máis de 140 quilos de lixo Case 150 participantes da Comunidade Terapéutica Alborada, CEP Pedro Caselles, CEIP Plurilingüe Tebra e dun ciclo medio e FP Básica do IES Antón Alonso Ríos participaron na xornada de limpeza nos ríos Briña, Pego, Cereixo e da Pedra

Tomiño móllase polos ríos con máis forza que nunca. Case 150 rapaces e rapazas participaron este luns nunha nova edición da limpeza simultánea de retirada de lixo á beira do río posta en marcha ao abeiro do Proxecto Ríos, coordinado pola asociación ecoloxista Adega, coa que se buscaba concienciar á sociedade de manter limpos de residuos os cursos fluviais do municipio.

O Concello decidiu trasladar a xornada ao luns na procura dunha maior implicación da mocidade tomiñesa, un cambio de data que foi todo un éxito de convocatoria e na que finalmente achegaron o seu gran de area membros da Comunidade Terapéutica Alborada, persoas voluntarias inscritas na web do Concello e alumnado de distintos centros tomiñeses. Participaron estudantes Do CEP Pedro Caselles, do CEIP Plurilingüe de Tebra, de primeiro e segundo do ciclo medio de ‘Aproveitamento e conservación do medio natural’ e de 1º e 2º de FP Básica de ‘Agroxardinaría e composicións florais’.

En total foron máis de 140 quilos de lixo retirados, especialmente plásticos, latas e cartóns, tras percorrer durante a mañá por rutas próximas os ríos Cereixo (zonas da Briña, da Estoca e da Pedra) e Pego.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, agradece a todo o alumnado participante, así como ao profesorado, “a súa implicación con iniciativas que nos axudan a coidar a nosa contorna e a ter un concello máis limpo. Que nenos, nenas e mocidade acheguen o seu gran de area e se conciencien da importancia de coidar o noso medio ambiente é vital, porque o presente e o futuro está nas súas mans”.