Risas, maxia e tenrura para todos os públicos en Tomiño con Sarabela Teatro

Risas, maxia e tenrura para todos os públicos en Tomiño con Sarabela Teatro

 

Tarde en familia este 21 de abril no auditorio de Goián, que acollerá a representación da obra ‘O secuestro da bibliotecaria’. Ás 17.30 h

Sarabela Teatro é garantía de desfrute. A compañía, unha das de maior prestixio en Galicia, das máis premiadas e cunha dilatada traxectoria profesional, chega esta fin de semana a Tomiño cunha proposta que garante unha hora de risas, maxia e tenrura para a cativada.

‘O secuestro da bibliotecaria’ conta a historia da fermosa señorita Ernestina, bibliotecaria da vila de Parangón. Aínda que é orfa e non ten familiares ricos un grupo de bandidos decídese a secuestrala para xerar un caos cultural que obrigue ás autoridades a pagar polo seu rescate. Unha historia que dá un xiro inesperado ao descubrir a banda que a señorita Ernestina os contaxiou a todos da varicela e os deixou perdidos de grans e con toda a súa autoridade polo chan. Un escenario complicado no que un tremor de terra chega para rematar de rizar o rizo.

A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza a desfrutar desta obra dirixida para público infantil que chegará a auditorio municipal de Goián este domingo 21 de abril ás 17.30 horas. As entradas poderán mercarse a un prezo de 3 euros persoas adultas e 1,5 euros menores de 12 anos unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.