Rosalía de Castro trae o aroma do seu herbario literario a Tomiño

Rosalía de Castro trae o aroma do seu herbario literario a Tomiño O Mercado Municipal acolle unha mostra con imaxes de plantas e flores que rende homenaxe á obra da escritora e á súa unión coa natureza

Rosalía de Castro chega a Tomiño co seu particular herbario. O Mercado Municipal acolle a exposición ‘O herbario de Rosalía’, unha mostra con imaxes do herbario literario que aparece na obra da escritora realizado polas profesoras da Universidade de Santiago de Compostela María López Sández e Isabel Fraga. A exposición conta con fotografías de Miguel Fraga para compoñer unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza.

Nesta mostra da Casa de Rosalía e da Deputación de Pontevedra amósanse imaxes de flores e plantas moi vencelladas á obra da autora máis destacada e universal da cultura galega, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito Rosalía durante os seus paseos na natureza dos que tanto gustaba e que inspiraron os seus versos.

A autora da mostra, María López Sández, percorreu acompañada da alcaldesa, Sandra González, e de concelleiros e concelleiras os diferentes paneis desta exposición que une de xeito maxistral literatura e botánica e que poderá visitarse ata o vindeiro 10 de decembro no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño.

A mostra está dividida en catro seccións: rosas, ás que Rosalía de Castro menciona máis dun cento de veces na súa obra;  herbas do campo florido; herbas do camposanto; árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha das seccións da exposición vai acompañada dun panel explicativo no que se conta a importancia destes elementos na obra de Rosalía de Castro e un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos dos que consta o herbario das autoras.