Sanidade reunirase dúas veces por semana cos Concellos de A Guarda, O Rosal e Tomiño para o seguemento da situación epidemiolóxica Os tres rexidores mantiveron hoxe o primeiro encontro por videoconferencia

Tomiño, 14 de setembro de 2020.- No día de hoxe tivo lugar a primeira dunha serie de reunións por videoconferencia que a Consellería de Sanidade manterá dúas veces por semana cos rexidores dos concellos de A Guarda, O Rosal e Tomiño, con motivo dos brotes vividos nos últimos días nestes municipios. No caso de Tomiño a situación epidemiolóxica é mellor que na Guarda e O Rosal, pero dada a estreita relación que une á poboación dos 3 concellos, considerouse necesario a participación de Tomiño.

O obxectivo destes encontros será valorar a situación e a evolución de xeito frecuente, e facilitar aos concellos os datos relativos aos casos activos que hai en cada momento.

Nesta primeira reunión Sanidade informou de que en Tomiño existen na actualidade 7 casos activos de COVID19, entendendo como casos activos aqueles que foran positivos na proba de PCR, que aínda non se lles dera a alta médica, e que teñan o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saude de Tomiño.

Así mesmo, Sanidade informou de que durante a fin de semana non houbo ningún caso máis notificado, o que se valora como unha boa nova e se espera que sexa unha sinal da boa evolución no territorio.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño declaraba que “é fundamental que o goberno autonómico facilite puntualmente aos concellos, que son as institucións en contacto directo coa poboación, os datos oficiais para poder informar e tomar as medidas que, dentro das competencias municipais, sexan necesarias”. Así mesmo, sinalaba que “en Tomiño estase a facer un esforzo continuo e intenso por manter informada á poboación”, e que “unha comisión municipal fai seguemento permanente da situación”