“Ser máis sostibles non se trata de substituír dependencias, senón de aprender a vivir doutro xeito”

“Ser máis sostibles non se trata de substituír dependencias, senón de aprender a vivir doutro xeito” Miriam Leirós, coordinadora de Teachers for Future en España, que integra a máis de 2.000 centros educativos e educadora ambiental,  afondou na importancia de introducir nos colexios a educación ecosocial

Educación ecosocial: educar dende a mirada da vida, apostando pola educación medioambiental pero coa mente posta tamén en mellorar a calidade de vida das persoas. A docente e educadora ambiental Miriam Leirós afondou na terceira xornada da VIII Semana da Educación sobre este concepto, a importancia do coidado do medio ambiente e traballar para mitigar o cambio climático sempre tendo a ciencia como referente. “Ante as fake news, os bulos ou os titulares morbosos que podemos atoparnos temos que remitirnos á ciencia”, salientaba Leirós.

“Ser máis sostibles non se trata de substituír dependencias, senón de aprender a vivir doutro xeito”

Durante o encontro no auditorio de Goián, esta experta repasou novos conceptos e novas realidades que está a vivir a sociedade, como o de refuxiados climáticos, aquelas persoas que teñen que migrar porque o seu territorio non é habitable a causa dos cambios que está a sufrir o clima, ou o Día da Sobrecapacidade da Terra. “En 1970, cando comezou a medirse, consumimos todos os recursos que pode xerar o plante durante un ano o 28 de decembro, apenas tres días antes de rematar o ano. Non obstante, no ano 2021 ese día chegou o 22 de agosto, polo que durante catro meses estivemos consumindo recursos que xa non nos pertencían a nós”, destacou. Unha tendencia á alza cunha única excepción no ano 2020, e “porque houbo unha pandemia e estivemos pechados. Entón cal é a verdadeira especie invasora?”.

Leirós afondou tamén na idea de que ser máis sostible pasa por un cambio de actitude. “Non se trata de substituír dependencias, senón de aprender a vivir doutro xeito”, salienta ao tempo que recorda que estamos nunha época na que “non debemos usar a R de reciclar, senón de reducir”. Contando a súa experiencia como docente, a educadora ambiental explicou ao público como introducir este novo xeito de convivir co medio ambiente e a natureza no currículo escolar de nenos e nenas, artellando iniciativas que permitan seguir ensinando materias e competencias. “Temos que recuperar o concepto de ben común, de que se melloro a miña contorna todo mellora”, recalcou.

Miriam Leirós é a coordinadora de Teachers for Future en España, un blog para compartir inquietudes e experiencias sobre a docencia relacionada co medio ambiente e o cambio climático que conta con máis de 2.000 centros educativos implicados en toda Europa. Mestra de primaria e educadora ambiental, Leirós é experta en xestión social do hábitat e deseño participativo. Colabora na sección de medio ambiente de ‘El Asombrario-Público’ e no ‘Diario de la Educación’ e é autora do libro de contos ambientalistas ‘Los secretos de los cuentos clásicos’. Leirós é ademais integrante do grupo de expertos independentes da Asemblea Cidadá para o Clima de España.