Serán musical na Praza do Seixo co concerto de verán da Coral Polifónica de Tomiño

Serán musical na Praza do Seixo co concerto de verán da Coral Polifónica de Tomiño A actuación será este domingo 7 de xullo ás 20.00 horas con entrada de balde

Voces listas para unha nova actuación da Coral Polifónica de Tomiño. Este domingo 7 de xullo, as e os integrantes da coral subiranse ao escenario na Praza do Seixo para ofrecer o seu tradicional concerto de verán, un espectáculo que promete deleitar a todo o público asistente cun variado repertorio.

O concerto, que comezará ás 20.00 horas, celébrase ao abeiro do Son&Serán, un programa posto en marcha polo Concello de Tomiño para achegar a música á veciñanza, levando as melodías ao aire libre e dotanto de vida e actividade espazos recuperados para as persoas no municipio.

“É un orgullo poder ofrecer este tipo de espectáculos culturais en Tomiño. A Coral Polifónica é un referente musical na nosa vila é estamos seguros e seguras de que este concerto será un verdadeiro pracer para os sentidos”, salientou a alcaldesa, Sandra González, que animou a todos os tomiñeses e tomiñesas a asistir ao concerto.

Baixo a dirección de David González, a coral tomiñesa ofrecerá un espectáculo único e variado, con pezas que van dende as cancións populares e clásicas ata composicións contemporáneas. Fundada en 1997, a Coral Polifónica conta actualmente con 30 voces mixtas que se teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo distintivo.

A actuación estará aberta a todos os públicos con entrada de balde.