Suspéndese o prazo para a tramitación das subvencións deportivas, culturais e sociais de Tomiño O Concello reabrirá o prazo para a presentación de solicitudes tras o remate da alerta sanitaria

No boletín oficial da provincia do luns 16 de marzo saen publicadas as bases das subvencións deportivas, culturais e sociais a través das que o Concello de Tomiño regula a súa concesión para o ano 2020. Nelas establécese que o prazo de presentación de solicitudes sería dun mes a partir do día seguinte ao da publicación das mesmas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Porén, tras o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 que regula unha serie de medidas para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, no que respecta á actuación administrativa a Disposición adicional terceira recolle a suspensión de prazos administrativos e establécese o seguinte:

  1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos renovarase no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.
  2. A suspensión en termos e a interrupción de prazos aplicarase a todo o sector público definido na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (LPAC).

Por este motivo suspéndese o prazo para a tramitación das solicitudes das citadas subvencións polo tempo de vixencia do citado real decreto ou no seu caso das sucesivas prórrogas do mesmo.

Ao remate do mesmo, o Concello de Tomiño procederá a apertura do prazo para a presentación de solicitudes procedendo nese intre á publicación da correspondente anuncio e publicación dos modelos para a tramitación das mesmas.