Teatro musical para un concerto de Santa Icía diferente en Tomiño A Agrupación Musical de Goián porá banda sonora ao espectáculo ‘A familia Brañas’ da Cova das Letras este sábado 18

Teatro musical para un concerto de Santa Icía diferente en TomiñoTomiño celebra o día da patroa da música por todo o alto. A Agrupación Musical de Goián subirase ao escenario este sábado 18 de novembro para ofrecer ao público un concerto de Santa Icía diferente: un espectáculo de teatro musical no que integrantes da propia agrupación e da súa banda xuvenil porán banda sonora a unha divertida obra baixo a batuta de Pedro Villarroel.

Será con ‘A familia Brañas’, un espectáculo de A Cova das Letras no que os músicos da Agrupación estarán acompañados sobre o escenario polos actores Cristina Collazo, Anxo García e Martiño Mato. Dirixido a público familiar, a historia comeza cando as e os protagonistas emprenden unha viaxe en busca dun mundo mellor atravesando o perigoso estreito das Augas Fétidas. No medio do camiño, Franki e Lobis atópanse coa Santa Compaña, unha banda de músicas errantes dirixidas e encabezadas pola temible e cruel Morte. A ela únense pensando que van en busca da boa vida, pero a Morte quere facelos “pasar a mellor vida” dando comezo a unha historia chea de peripecias que non deixarán indiferentes a ninguén.

A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza a achegarse ao Auditorio de Goián e gozar un ano máis dun espectáculo único co que a Agrupación Musical namorará ao público. A actuación será ás 19.30 horas con entrada de balde.