Temas tradicionais cun novo aire en Tomiño con ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’

Temas tradicionais cun novo aire en Tomiño con ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’ Este domingo 2 de xullo ás 21.00 horas na Praza Pintor Antonio Fernández con entrada de balde

Fin de semana de música en Tomiño con ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’, un espectáculo para todos os públicos co que Troula Animación conquistará á cativada e a maiores este domingo 2 de xullo. A Praza Pintor Antonio Fernández acollerá este espectáculo lúdico, educativo e musical no que temas tradicionais galegos son tratados dun xeito novo e atractivo, con estilos musicais coma o rock, o ska, o hip-hop, o reggae, o klezmer, a cumbia ou o tango.

Un concerto dinámico onde artistas e público participarán de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa e no que se escoitarán clásicos populares cun novo aire, como ‘A Carolina’ rapeada ou ‘O Jato rockeiro’.

A alcaldesa, Sandra González, convida a toda a veciñanza “a gozar desta experiencia musical única e refrescante, unha xornada de diversión, como moitas das que poderemos desfrutar este verán coa ampla programación de actividades da nosa axenda, unha oferta cultural e de lecer de calidade pensada e deseñada para atraer a todos os públicos”.

O concerto de ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’ será ás 21.00 horas con entrada de balde.