Tomiño abre as inscricións para participar no seu ‘Venres de Foliada’

Tomiño abre as inscricións para participar no seu ‘Venres de Foliada’ As agrupacións interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude do 23 ao 29 de xaneiro a través de Sede Electrónica

O desfile de comparsas será o 9 de febreiro ás 21.30 h

Tomiño quenta motores para desfrutar un ano máis do seu tradicional ‘Venres de Foliada’. As agrupacións interesadas en participar no desfile de comparsas poderán realizar as súas inscricións do 23 ao 29 de xaneiro, ambos os dous días incluídos, a través da Sede Electrónica do Concello.

A alcaldesa, Sandra González, convida a todas as entidades e á veciñanza a participar “nesta celebración tradicional que cada ano dá o pistoletazo de saída ao entroido na comarca. É un orgullo ver desfilar ás nosas comparsas e velas lucir unhas coidadas escenografías froito de moitos meses de traballo e esforzo”.

As treboadas tomiñesas serán as encargadas de abrir o desfile, que se celebrará o venres 9 de febreiro ás 21.30 horas e sairá dende o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán para percorrer a rúa Gondomar e rematar na Pedra. En caso de choiva ou de que as condicións meteorolóxicas non permitan realizar o desfile ese día, a actividade trasladarase ao venres 16 de febreiro.

A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, grupos e centros escolares que se presenten en comparsa ou grupo, tendo preferencia para participar as comparsas ou grupos tomiñeses. Haberá entre 10 e 20 comparsas participantes que deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes e con carrozas que non excedan os 8 metros de longo por 3,5 m de ancho e 4,5 m de alto, sempre sen cabalos.

No caso de que máis de 20 comparsas soliciten participar no ‘Venres de Foliada’ unha comisión técnica será a encargada de avaliar as propostas presentadas, escollendo ás que maior puntuación obteñan segundo concello de procedencia, número de compoñentes e a descrición da comparsa, atendendo á súa temática, orixinalidade, posta en escena, iluminación e son, valores sociais e culturais….

O Concello compensará economicamente ás comparsas participante segundo o seu número de compoñentes e a súa configuración: as que teñan entre 15 e 30 compoñentes e non leven carroza recibirán 100 euros; as que teñan entre 31 e 45, tamén sen carroza, 150 euros; e as que teñan 46 ou máis compoñentes e non leven carroza recibirán 200 euros. Esa mesma cantidade recibirán as de entre 15 e 40 compoñentes e que leven carroza. Pola súa banda, as comparsas de 41 a 60 compoñentes e con carroza recibirán 300 €; as que teñen entre 61 e 80 e carroza, 400 euros; e, por último, as que conten con 81 compoñentes ou máis e teñan carroza recibirán 500 euros.