Tomiño abre o prazo de inscrición para as Escola Deportivas de Patinaxe As clases impartiranse de xaneiro a maio en Goián, Sobrada, Tomiño, Tebra e Barrantes

O Concello de Tomiño xa abriu o prazo de inscrición para participar nas Escolas Deportivas de Patinaxe, que volverán desenvolverse en diferentes puntos do municipio entre os meses de xaneiro e maio. Con clases dirixidas a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos, a actividade partirá do nivel de iniciación para que, a través dos diferentes adestramentos que se realizarán nos vindeiros meses, todas e todos os participantes vaian mellorando e perfeccionando a súa técnica na patinaxe artística.

As persoas participantes poderán escoller entre cinco localizacións diferentes para levar a cabo a actividade. Así, as clases desenvolveranse nos seguintes lugares e horarios:

  • En Goián, os luns ás 17.00 e ás 18.00 horas.
  • En Barrantes, os mércores ás 16.00 e ás 17.00 horas.
  • En Sobrada, os mércores ás 18.30 horas.
  • En Tomiño, os xoves ás 16.00, ás 17.00 e ás 18.00 horas.
  • En Tebra, os venres ás 16.00 e ás 17.00 horas.

 

As clases contarán con prazas limitadas, con grupos formados por un máximo de 15 persoas, e serán totalmente de balde. As persoas interesadas poden xa realizar a súa inscrición a través dun formulario habilitado na páxina web do Concello ata o venres 19 de xaneiro ás 14.00 horas.

Con esta actividade, Tomiño dá continuidade ao programa deportivo municipal ofertando de novo a modalidade de patinaxe nas súas Escolas Deportivas, unha actividade que contra cunha gran demanda por parte dos e das escolares tomiñeses e da que poderán seguir desfrutando de forma gratuíta grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.