Tomiño abre o prazo para solicitar as subvencións deportivas, sociais e culturais O Goberno municipal destinará 90.000 euros a estas axudas. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 3 de abril

O Concello de Tomiño vén de abrir o prazo para solicitar as subvencións municipais dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que desenvolverán ao longo deste ano 2023 actividades sociais, culturais e deportivas, así como para deportistas individuais. O Goberno municipal investirá 90.000 euros nestas convocatorias.

“Con estas axudas mantemos o noso compromiso e apoio a todas as entidades, clubs e deportistas tomiñeses, colaborando con todos eles a sufragar os gastos das actividades programadas para todo este ano, dinamización o noso concello, fomentando o benestar social da veciñanza e promocionando a cultura e o deporte”, explica a alcaldesa, Sandra González.

O Goberno municipal destinará 45.000 euros a entidades deportivas sen ánimo de lucro e deportistas individuais para fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades durante todo o ano. Esta subvención permitirá incluír gastos federativos, de arbitraxes, de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas, de mutualidades e seguros, de material deportivo de carácter funxible, de material deportivo inventariable ou de equipamento e vestimenta deportiva.

Poderán solicitar esta subvención clubs e entidades deportivas federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas federacións deportivas. Ademais, tamén poderán facer a súa solicitude aquelas e aqueles deportistas individuais tomiñeses recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional.

O Concello de Tomiño tamén destinará 30.000 euros a axudas municipais a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades culturais durante o 2023 co obxectivo de “contribuír á posta en marcha de proxectos ou actividades culturais, con especial atención a aquelas que promovan ou recuperen a cultura e tradicións locais, promocionen produtos agrícolas e gastronómicos da zona ou recuperen espazos naturais ou de lecer.

Por último, o Goberno municipal destinará 15.000 euros para subvencións a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades sociais que promovan o benestar da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá, dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. Búscase así financiar gastos de proxectos de atención á discapacidade e a menores, de apoio á dinámica familiar, de voluntariado social, de atención á toxicomanía, de prevención de situacións de violencia intrafamiliar, á promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, de atención á inmigración e minorías éticas ou a proxectos de especial interese social.

As bases para optar a estas axudas xa foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e as entidades e persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 3 de abril.