Tomiño acolle a gala de entrega de distincións do programa Vilas en Flor A sexta edición será o vindeiro 24 de novembro ás 12.00 h no Auditorio de Goián con récord de participantes

Tomiño acolle a gala de entrega de distincións do programa Vilas en Flor

Tomiño é a localidade elixida para acoller a gala de entrega de distincións do programa Vilas en Flor, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos e que chega á súa sexta edición cun novo récord de participantes.

O vindeiro 24 de novembro ás 12.00 horas o Auditorio de Goián será o escenario no que 39 municipios competirán polas flores de honra, o distintivo que recoñece a súa xestión dos espazos verdes e que concede un xurado especializado composto por expertas e expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo, o viveirismo, a bioloxía e a formación agraria.

Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), o programa Vilas en Flor valora dende a traxectoria e as accións levadas a cabo polos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos ata a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Nesta edición participarán 15 localidades da provincia de Pontevedra, 15 da Coruña, 6 de Ourense e 3 de Lugo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amosou a súa satisfacción e agradecemento á organización por escoller a Tomiño como sede para a celebración dunha nova edición da entrega de distintivos. “Este xesto é un recoñecemento á traxectoria do noso concello neste certame e reflicte a notable evolución de Tomiño nos últimos anos, que pasou das dúas Flores de Honra iniciais ás catro actuais. Este progreso é testemuño do traballo, dedicación e compromiso coa mellora da contorna e da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, destacou.

Este é o quinto ano que Tomiño participa neste certamen. O ano pasado o Concello conseguía por primeira vez o máximo galardón despois de que o xurado destacara especialmente as intervención artísticas realizadas nas rotondas a  través do proxecto Cultivando Paisaxes, una iniciativa posta en marcha grazas á colaboración da paisaxista Sinda Linda e dos viveiros da comarca coa Fundación Xavier Pousa que permitiu converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila.