02 Xuñ Tomiño acolle a terceira etapa do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica A proba transcorrerá este sábado 3 de xuño por augas do Miño
O embarcadoiro de Goián acolle este sábado 3 de xuño a 3ª etapa do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, unha competición que busca facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte. Na proba, que comezará ás 10.30 horas e discorrerá polas augas do Miño, participarán 12 parellas de deportistas con e sen discapacidades.
A proba está organizada pola Real Federación Galega de Motonáutica en colaboración co Concello de Tomiño e co Club Náutico Inclusivo Baixo Miño, de recente creación. Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Fran Campo, lembrou o compromiso do Concello de Tomiño por este tipo de probas que permiten dar visibilidade ao deporte inclusivo e achegar diferentes disciplinas cada vez a máis xente.
Pola súa banda, o presidente do Club Náutico Inclusivo Baixo Miño e vogal da Real Federación Galega de Motonáutica, Marcos Casaleiro, destacou a alta participación e sinalou que como novidade este ano estarán probando esta modalidade inclusiva deportistas convidados de Portugal, unha forma de continuar estreitando lazos e seguir avanzando na inclusión. A vicepresidenta do club, Carmen Casaleiro, quixo agradecer o apoio do Concello de Tomiño nesta proba e en todas as actividades que se desenvolven dende o club.