Tomiño acolle o II Encontro das Mulleres Abelleiras Galegas

Tomiño acolle o II Encontro das Mulleres Abelleiras Galegas Será o sábado 2 de decembro no Mercado municipal

As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 29 de novembro en info@maisquemel.gal

Tomiño acolle o vindeiro sábado 2 de decembro o II Encontro das Mulleres Abelleiras Galegas, organizado polo colectivo Mulleres Abelleiras Galegas e Máisquemel en colaboración co Concello tomiñés co obxectivo de ir formando unha rede de mulleres que teñan en común o interese polo mundo das abellas para traballar xuntas na defensa das abellas e do medio ambiente. Ademais, esta iniciativa pretende servir de referente para mulleres que se dediquen aos diferentes ámbitos relacionados coas abellas: apicultura, divulgación, ciencia ou mesmo elaboración de produtos.

A xornada desenvolverase no espazo do Mercado municipal de Tomiño, no que terán lugar as diferentes actividades que xirarán sobre o mundo das abellas e dos seus produtos. Na cita, o colectivo aproveitará tamén para debater sobre o futuro do proxecto, que está en proceso de construción e precisa das ideas e aportacións de todas as que queiran formar parte del.

O programa dará comezo ás 10.30 h para dar a benvida ás persoas participantes e a continuación terá lugar a charla “Efectos da depredación da Vespa velutina sobre os polinizadores”, a cargo de Sandra Rojas, investigadora da Universidade de Vigo e apicultora. Ás 12.00 h terá lugar un faladoiro con Belén Fervenza, produtora de horta e flor agroecolóxica, integrante da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que nos falará sobre funcionamento desta organización que favoreceu a presenza e participación das mulleres no sindicato.

Para rematar a mañá, as participantes na xornada visitarán o mercado e os seus contidos e despois do xantar abrirase un debate sobre o futuro do colectivo no que, as mulleres integrantes e as que queiran incorporarse, poderán propoñer ideas para decidir os seguintes pasos na consolidación deste grupo e as accións a levar a cabo.

Para participar é preciso inscribirse enviando un email a info@maisquemel.gal ata o día 29 de novembro. Máis información da xornada en www.maisquemel.gal.