Curso de escaparatismo 'O ben feito ben parece'

Tomiño acolle un curso de escaparatismo para que persoas emprendedoras e comercios locais melloren as súas ventas Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nesta actividade formativa de 36 horas de duración organizada pola Escola Eu Rural. O curso comeza o 14 de xaneiro

Tomiño acolle este mes de xaneiro o curso de escaparatismo ‘O ben feito ben parece’, unha actividade formativa organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, e que ten como obxectivo principal axudar a crecer e mellorar o comercio local, dando ferramentas á todas as persoas participantes para mellorar as ventas dos negocios e facelos máis competitivos e de éxito.

Centrado na comercialización de produtos tanto do sector primario como doutros sectores, este curso de 36 horas de duración impartirase os días 14, 15 e 16, 21, 22 e 23 e 28, 29 e 30 de xaneiro de 16.30 a 20.30 horas. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse de balde a través da web de Eu Rural (eurural.org), dirixíndose ao apartado denominado Escola e enchendo o formulario on line.

Destinado a persoas emprendedoras e comercios locais, así como a calquera persoa interesada, este curso servirá para que todos e todas as participantes adquiran coñecementos vinculados ao escaparatismo, á presentación do produto, á paquetería comercial e ao visual merchandising. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán as habilidades necesarias para desenvolver o escaparate perfecto, tendo en conta dende os puntos de atracción visual ou o tipo de decoración máis axeitada en cada negocio para visibilizar os produtos e favorecer as compras.

Escola Eu Rural

Este itinerario formativo nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Co curso búscase completar a actividade realizada o ano pasado co itinerario ‘Cos pés na terra’, que puxo en marcha unha serie de actividades relacionadas coa produción primaria e coa posta en valor do sector agrogandeiro, e ‘Coas mans na masa’, que busca engadir valor ao sector primario a través da transformación e da conservación de alimentos.