Tomiño acolle un curso formativo para persoas coidadoras de doentes con demencia neurodexenerativa

Tomiño acolle un curso formativo para persoas coidadores de doentes con demencia neurodexenerativa

Tomiño acolle un curso formativo para persoas coidadoras de doentes con demencia neurodexenerativa

O curso será impartido por AFAGA coa colaboración do Concello dende o 16 de febreiro na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián

Aprender a coidar á e ao doente pero tamén á persoa coidadora. Ese é un dos obxectivos de ‘Coidados compartidos’, un curso formativo de oito horas para persoas coidadoras de pacientes cunha demencia neurodexenerativa impartido pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia, AFAGA, en colaboración co Concello de Tomiño.

A Escola Obradoiro O Regatiño de Goián acollerá esta formación que se centrará nos coidados das persoas con demencia pero tamén da súa contorna familiar. O curso estará impartido por unha psicóloga sanitaria especializada para axudar a persoas en contornas rurais que se atopen nesta situación.

O programa achegará a todas e todos os participantes formación e información sobre o alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, así como dos servizos e recursos segundo a localidade onde se intervén para mellorar a súa calidade de vida, prestando atención ao coidado do coidador ou coidadora, ofrecendo consellos e procedementos para evitar a sobrecarga e o estrés que a situación pode causar.

O curso impartirase os días 16 e 23 de febreiro e o 1 de marzo de 16.30 a 19.15 horas. As persoas interesadas poden xa inscribirse directamente en AFAGA chamando aos teléfonos 986 229 797 (extensión 4) e 610 437 895 ou enviando un correo electrónico a formacion@afaga.com.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo destacar “o noso agradecemento a AFAGA polo seu labor e o apoio e colaboración continua con iniciativas como estas, xa que é moi importante brindar formación a todas aquelas persoas que desempeñan o valioso papel de coidadores e coidadoras de persoas dependentes. Debemos lembrar que é crucial coidar tamén da saúde mental e emocional dos propios coidadores e coidadoras, ofrecendo ferramentas que fortalezan a quen asume esta responsabilidade”.

O envellecemento é o principal factor de aparición dunha demencia e as proxeccións demográficas de Galicia prevén un aumento das persoas maiores de 65 anos do 23 ao 41% no ano 2050. Por este motivo, AFAGA súmase a esta formación enmarcada no proxecto ‘Coidados Compartidos’ impulsado pola Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) e salienta a importancia deste tipo de cursos “neste contexto rural de envellecemento ao que se engade a escaseza de servizos e a ausencia de intervencións. Porque esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, se non a todo o núcleo familiar”.