Tomiño acolle unha gala para celebrar a conexión lusófona con Galicia O espectáculo terá lugar este sábado 21 ás 20:00 horas no Centro Goianés

A Deputación de Pontevedra e o Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) organizan unha gala-espectáculo en Tomiño para celebrar as conexións culturais da lusofonía e Galicia, facendo especial fincapé no territorio transfronteirizo do río Miño. O evento será conducido pola xornalista da TVG Esther Estévez e contará coa música de Uxía.

Están previstas as intervencións do historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez e Carmen Villarino, entre outras iniciativas e sorpresas.

A cita será ás oito da tarde deste sábado 21 de xaneiro no senlleiro Centro Goianés e será retransmitida en streaming pola canle da Deputación de Pontevedra.

As persoas interesadas en asistir presencialmente ao acto poden reservar a súa praza en info@igadi.gal, que será concedida por orde de solicitude, xa que o aforo é limitado.