Tomiño acolle unha nova edición do programa Galegas Dixitais

Tomiño acolle unha nova edición do programa Galegas Dixitais Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nesta formación gratuíta de 120 horas dirixido á dixitalización das mulleres

O Concello de Tomiño vén de abrir o prazo de inscrición para participar nunha nova edición de Galegas Dixitais, un programa de formación gratuíto dirixido á dixitalización de mulleres en situación de desemprego organizado en colaboración con ARA BEPROJECT.

A alcaldesa, Sandra González, destaca “a oportunidade que supón esta acción formativa que favorece a empregabilidade e que pode axudar a impulsar o emprendemento e o desenvolvemento do noso rural, ademais de permitirnos seguir traballando para reducir a fenda de xénero”.

Cunha duración de 120 horas, a formación impartirase na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián do 5 de febreiro ata o 15 de marzo deste ano. As clases terán lugar de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas e estará dirixido a mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego empadroadas en Tomiño. O vindeiro 31 de xaneiro ás 10.00 horas o salón de plenos do Concello acollerá unha xuntanza previa informativa.

O curso contará con prazas limitadas, polo que as mulleres interesadas poden xa inscribirse dende hoxe ata o vindeiro 26 de xaneiro a través do teléfono 886 203 763 ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 604 039 575. En caso de dúbida, as persoas interesadas poderán recibir máis información no Servizo de Orientación Laboral do Concello.

Ao rematar a formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo e un ordenador portátil de agasallo.