Tomiño acollerá este domingo a primeira proba BTT “Terras de Tomiño e Florentiña” As rutas percorrerán algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio

Tomiño acollerá a proba de ciclismo de montaña I BTT Terras de Tomiño e Florentiña, de nova creación, que percorrerá boa parte do territorio municipal o vindeiro domingo 21 de marzo. O evento foi presentado hoxe no Concello de Tomiño por varios membros da organización, acompañados pola alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Deportes, Francisco Campo.

O traxecto das probas discorrerá integramente por territorio tomiñés, percorrendo algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio con gran riqueza paisaxística e natural como o río da Pedra, o Monte Tetón, os viñedos do Alto do Torona ou as subidas á Pedrada e ao Niño do Corvo. O evento contará con tres zonas de avituallamento ao longo do percorrido e cun servizo de lavado de bicicletas ao final da proba.

En consonancia co xa acontecido na proba realizada a semana pasada no municipio veciño, a IX BTT Chourizada de Oia, a ruta ciclista levarase a cabo baixo un estrito protocolo de seguridade fronte ao Covid-19. O evento contará coa presenza dunha ambulancia, un médico e dous sanitarios, que se encargarán de facer controis de temperatura aos participantes. Escasos segundos antes do inicio da proba poderán quitar as máscaras e irán iniciando a marcha cada dous minutos en grupos de dez, divididos en dúas filas de cinco persoas para facilitar a debida separación e evitar as aglomeracións.

“A semana pasada as normas cumpríronse con éxito e para nós e moi importante para reivindicar que practicar deporte ao aire libre é seguro e é importante que se continúe facendo. Tomiño merecía unha proba BTT coma esta, xa que hai moitísima xente que practica este deporte no municipio e cada vez somos máis”, comentan desde a organización. 

En canto á dificultade, desde a organización explican que a proba conta con dous percorridos de dificultade media-alta, un de 40km e outro de aproximadamente 48, cun desnivel acumulado de 837 e 997 metros respectivamente. Aínda así, recalcan que practicamente calquera pode participar sen problemas ao haber catro horas de marxe para completalas, tanto na proba longa como a curta.

O inicio da marcha está previsto para as 9:30. O prezo de inscrición é de 12 euros para persoas federadas, que terán de prazo para facelo ata o próximo sábado, e de 20 euros para as non federadas, cuxo prazo de inscrición remata hoxe.