Tomiño adía o seu Venres de Foliada ao 23 de febreiro por cuestións meteorolóxicas

Tomiño adía o seu Venres de Foliada ao 23 de febreiro por cuestións meteorolóxicas O Concello consensuou coas comparsas participantes a nova data. O desfile manterá o seu horario e percorrido

Tomiño adiará o seu tradicional Venres de Foliada dúas semanas. O Concello trasladará o desfile ao vindeiro venres 23 de febreiro, unha nova data establecida contando co parecer das comparsas e adaptando o agardado encontro a unha data na que non interrompera outras actividades xa axendadas por parte das entidades participantes.

“A borrasca Karlotta non nos permitirá desfilar este venres e dar o pistoletazo de saída ao Entroido en toda a comarca, pero xa traballamos para organizar o Venres de Foliada en dúas semanas. Somos conscientes de que son unhas semanas de moita actividade, por iso dende o Concello decidimos consensuar coas propias comparsas participantes a data que mellor se adaptara a elas”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

A pesar do cambio de data, o desfile de treboadas e comparsas manterá o seu horario e percorrido habitual. O Venres de Foliada arrancará ás 21.30 horas dende o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán para percorrer a rúa Gondomar e rematar na Pedra. Tras o encontro, a Praza do Seixo acollerá o concerto de balde do grupo Adredde, con parte das súas e os seus integrantes procedentes de Tomiño, para continuar animando a noite.