Tomiño adica o Plan Concellos 2022 a melloras en distintas parroquias As obras permitirán realizar importantes melloras no pavillón polideportivo da Carballa, na estrada de Barrantes e na rede de saneamento de Vilachán, así como acondicionar os torreiros de Vilameán e Taborda

O Concello de Tomiño levará adiante dentro do Plan Concellos 2022, cinco obras de singular interese para a cidadanía, centradas nas parroquias e na mellora de equipamentos deportivos, cun investimento de 968.558,40 euros.

Cada ano, a Deputación de Pontevedra pon en marcha o Plan Concellos co fin de permitir aos distintos municipios da provincia, realizar obras de mellora ou ampliación de infraestruturas que contribúan a unha maior calidade de vida da veciñanza. Este ano adicarase parte do Plan Concellos, á execución de cinco importantes actuacións: melloras no pavillón polideportivo da Carballa, melloras na rede de saneamento de Vilachán, Fase II; acondicionamento dos torreiros de Vilameán e Taborda, e ampliación e mellora da  estrada de Barrantes (entre o Camiño Novo e o cemiterio).

Segundo explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, no caso do pavillón da Carballa, a obra enmárcase dentro do plan de mellora de equipamentos deportivos que se emprendeu nos últimos anos (cambio de herba no campo de fútbol de Goián, e melloras nos vestiarios; novo campo de herba artificial no Campo do Alivio, etc.). “Entendemos que este pavillón tamén é unha instalación moi usada polos veciños e veciñas de Tomiño e que precisa un cambio no pavimento e na iluminación. Ademais, é o pavillón que emprega a maioría da rapazada de Tomiño, xa que ten un uso escolar de mañá para o instituto de secundaria, co cal sabemos que se lle vai sacar moito partido a esta inversión”, comenta a rexedora.

Colocación dun novo pavimento en madeira, substitución da iluminación actual por unha de led; colocación de redes en teito para protección de cuberta e instalación dun novo marcador electrónico, son as principais accións que se levarán a cabo.No que respecta á ampliación da estrada de Barrantes, lembra a alcaldesa que “xa se fixera unha mellora no último tramo deste vial que leva até Cristelos e agora vaise acometer o ensanche na parte que falta, de tal xeito que un tramo importante da estrada quede  preparada”.

Refírese González ás obras de mellora realizadas dende o tramo anterior do cemiterio até Cristelos, e agora vai intervirse dende o Camiño Novo até o cemiterio, “de tal xeito que queden arranxados os 5 quilómetros desta estrada tan importante para os veciños de Barrantes e de Pinzás ou mesmo os que pasan camiño de Burgueira para o veciño concello de Oia”.

As obras consistirán basicamente en ampliar a plataforma da estrada actual e actuar en algunha das curvas que resultan perigosas na actualidade. Redimensionaranse os firmes, para que os vehículos pesados con carga superior ás 5 toneladas poidan circular cunha maior seguridade.

 

Prazas e contornas de igrexas

As intervencións nas parroquias de Vilameán e Taborda xa foron consensuadas con respectivas entidades das parroquias e coas comunidades de montes, que axudaron a definir o proxecto e asegurarse que a intervención é axeitada para os usos que precisa a veciñanza.

Igual que se fixo en outras parroquias, trátase de xerar pequenos núcleos de convivencia nas parroquias, ben arredor do Centro Cultural, da Igrexa ou de outros lugares que sexan puntos de encontro moitas veces para os máis cativos e as persoas maiores. Ao mesmo tempo trátase de preservar a valorizar axeitadamente unhas contornas que teñen elementos patrimoniais importantes como Igrexas, cruceiros etc.

Para elo recorrerase a uns acabados suaves, naturais, xa identificados con outros espazos públicos do concello e acompañados dunha Iluminación que poña en valor o espazo e a arquitectura.