Tomiño alza a voz contra o abuso e maltrato ás persoas maiores Co gallo do Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, o Centro de Día tomiñés organiza unha xornada para visibilizar a vulnerabilidade das nosas e nosos maiores

Protexer e apoiar ás persoas maiores durante situacións de crise e emerxencia como catástrofes naturais, pandemias ou conflitos. Ese será o eixo central das reivindicacións do Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, que Tomiño conmemorará alzando a voz para visibilizar a vulnerabilidade das persoas maiores. Este xoves 13 de xuño, o Centro de Día organiza unha xornada de sensibilzación na que usuarias e usuarios do centro unirán forzas con representantes institucionais e veciñanza para visibilizar esta problemática.

Xunto a pancarta conmemorativa que se pendurará do balcón do Concello, a xornada comezará ás 11.00 horas cunha marcha que sairá do Centro de Día ata a Praza do Seixo, onde ás 11.30 horas procederase á lectura dun manifesto de forma participativa por parte de todas e todos os asistentes. Tras o acto, as e os participantes achegaranse aos diferentes establecementos da contorna para deixar folletos cun código QR co que a veciñanza poderá acceder á historia de Elvira, unha persoa usuaria do Centro de Día que contará en primeira persoa a súa experiencia.

A alcaldesa, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada, xa que “é fundamental que como sociedade nos unamos para protexer e respectar ás nosas e nosos maiores. Este evento é unha chamada á acción e á reflexión, un momento para reafirmar o noso compromiso para salvagardar os dereitos e a dignidade das persoas maiores, garantindo que ninguén quede atrás, moi especialmente en tempos de crise”.