Tomiño amplía o seu persoal con 24 novas contratacións realizadas dentro do Plan Concellos Entre as persoas empregadas cóntanse peóns de xardinaría, albaneis, técnicos/as administrativos/as, electricistas, etc.

                                                                               

 

O Concello de Tomiño vén de contratar con cargo á subvención de 275.442,83 euros, procedentes da Deputación de Pontevedra (Plan Concellos), a 24 persoas desempregadas, que comezaron a desempeñar as súas funcións de forma gradual (as primeiras incorporáronse o día 1 de marzo e as derradeiras o 29 de xuño, tras o paréntese do Covid-19).

Esta importante medida de fomento do emprego (Liña 3 Emprego Plan Concellos 2020), permitiu ao goberno local (que achegou pola súa banda 6.643,12€ de fondos municipais) ampliar o seu cadro de persoal con 12 peóns de xardinaría, 2 instaladores/as electricistas, 2 técnicos/as administrativos/as, 2 albaneis, 1 mecánico/a de mantemento e reparación de automoción, 1 carpinteiro/a, 1 soldador/a de estruturas metálicas lixeiras, 1 condutor de retroescavadora, 1 psicólogo/a e 1 biólogo/a.

Deste xeito, o persoal do Concello vese ampliado durante varios meses por 24 persoas que colaboran en diferentes áreas de labor municipal, aumentando a eficacia dos servizos aos que están adscritas. “ Temos que agradecer á Deputación de Pontevedra por esta importante axuda de case 300.000 euros, que nos permite contratar un bo número de persoas que levan tempo desempregadas, sobre todo, nesta situación de incerteza que estamos a vivir na actualidade tras a pandemia sufrida”, explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.