27 Xuñ Tomiño aposta pola preservación do patrimonio indiano coa rehabilitación integral da Casa da Teonila
Tras un investimento de 130.000 euros na rehabilitación, o Concello busca propostas de emprendemento para dotar dun novo uso a esta instalación
A Casa da Teonila é un exemplo da arquitectura indiana de principios do século XX, tan presente en Goián debido á influencia da emigración. No seu compromiso pola conservación do patrimonio, o Concello de Tomiño vén de rehabilitar de forma integral este emblemático inmoble situado na Praza Pintor Antonio Fernández para preservar a súa valiosa arquitectura e a súa historia, xa que recibe o nome en homenaxe á súa primeira propietaria, a goianesa Teonila Fernández Costas.
Trátase dun proxecto de recuperación iniciado xa no 2018, cando o Concello de Tomiño aprobou a Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitía a inclusión dos inmobles de arquitectura indiana no Catálogo Municipal de Bens a Protexer. Unha medida crucial para a reconfiguración urbana de Goián e para a conservación deste tipo de edificacións tan representativas da influencia da emigración na zona.
Xa no ano 2020 o Concello adquiriu esta vivenda ao seu último propietario, a entidade financeira Abanca, e comezou un proceso de rehabilitación integral que supuxo un investimento de máis de 130.000 euros financiados con fondos propios municipais. Un intenso traballo de recuperación do inmoble no que se incluíron medidas de mellora da eficiencia enerxética ou a renovación do tellado, da carpintaría, do illamento térmico, da soleira ou da iluminación, así como a renovación dos baños e a creación dun baño adaptado para persoas con mobilidade reducida.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pon de relevo a importancia desta restauración para toda a veciñanza, xa que “a Casa da Teonila non só é un exemplo de conservación do noso patrimonio arquitectónica, senón que tamén é un símbolo da nosa identidade e historia colectiva. Este proxecto reflicte o noso compromiso coa preservación do legado cultural, histórico e patrimonial do noso municipio”.
O Goberno municipal convida agora á veciñanza a dotar á Casa da Teonila dun novo uso. Por este motivo, anima a todas as persoas con algunha idea de emprendemento que se poida desenvolver neste novo espazo a que se informe no Concello.