Tomiño aposta pola vida activa da súa veciñanza cunha axenda de actividades saudables

Tomiño aposta pola vida activa da súa veciñanza cunha axenda de actividades saudables Baixo o nome de Impacto saudable, o Concello pon en marcha un programa para fomentar o deporte a todas as idades

A primeira cita será unha actividade para descubrir o Camiño da Nosa Señora do Norte, andainas por tres tramos distintos da ruta para poñer en valor esta variante do Camiño de Santiago

 

O Concello de Tomiño pon en marcha ‘Impacto saudable’, unha completa axenda cunha programación deseñada para promover a actividade física e os hábitos de vida saudables entre a veciñanza. Unha iniciativa pioneira que busca incentivar a participación de todos os tomiñeses e tomiñesas sen importar a súa idade ou condición física, aínda que está especialmente pensado para mellorar o benestar das persoas adultas para incorporar a través de andainas e outro tipo de actividades novos hábitos saudables ás súas vidas.

A alcaldesa, Sandra González, destacou a importancia deste programa para Tomiño. “Sabemos que a actividade física regular é clave para mellorar a calidade de vida, previr enfermidades e fortalecer o benestar mental. Con ‘Impacto saudable’ queremos crear un espazo no que os nosos veciños e veciñas se sintan acompañados no proceso de incorporar hábitos de vida máis saudables no seu día a día”, subliñou.

O proxecto inclúe un ciclo de andainas para descubrir o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago de Compostela que comezará o vindeiro 6 de outubro ou andainas saudables todos os xoves con saída ás 10.00 horas dende o Centro de Saúde que arrancarán o vindeiro 11 de outubro. O exitoso programa Reactívate, destinado a maiores de 55 anos, repite edición estendéndose ás parroquias; ponse en marcha na Asociación Vontade e no Centro de Día o programa Coñecendo as emocións, convertendo a Tomiño no único municipio galego en acoller esta actividade; e a marcha nórdica debutará con varias clases de aprendizaxe en outubro e novembro.