Tomiño aproba unha nova ordenanza que contempla axudas para casos de emerxencia social O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño presenta unha moción rexeitando a violencia machista

O Concello de Tomiño aprobou de forma definitiva, o pasado venres, unha nova ordenanza en materia de benestar social, que foi votada de maneira unánime polos membros da Corporación Local.

A nova ordenanza pretende establecer unha serie de dereitos e recursos dentro do Programa de Inclusión Social, xerais e específicos para a cidadanía da localidade en risco de exclusión social. O texto fixa as condicións de acceso ás axudas e a documentación a presentar, e distingue entre subvencións para necesidades básicas (coma manutención, cobertura de gastos sanitarios e farmacéuticos urxentes; aloxamento e mantemento da vivenda; gastos correntes, etc.

As persoas beneficiarias poden ser “persoas individuais ou familias empadroadas e residentes en Tomiño, que carezan de medios económicos e nas que concorran factores de risco ou emerxencia social e precisen dunha axuda para satisfacer as necesidades básicas, sempre coma un apoio á intervención social”.

Por outra banda, a ordenanza prevé axudas para afrontar situacións de risco social, fomentando a escolarización e financiando, se é o caso, cotas de escolas infantís, custe de comedores escolares, ludotecas, campamentos; matrículas, desprazamentos, etc. segundo o nivel educativo de que se trate. Asemade, contémplanse gastos de carácter excepcional para apoiar o proceso de inclusión, avalados por informe dos servizos sociais.

O texto definitivo da ordenanza fixo lugar a varias alegacións presentadas pola oposición (PP e PSOE) por consideralas axeitadas e complementarias.

Durante a sesión plenaria, aprobouse tamén de forma definitiva a Ordenanza de Xestión de Biomasa e o Convenio coa Deputación para a “Mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos na Praza do Seixo”, no marco do Plan DepoRemse.

Por outra parte, o Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño, aproveitou a sesión plenaria para presentar unha moción (aprobada por unanimidade), rexeitando a violencia machista. “Dende o Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño “Voces Novas”, queremos trasladar o noso máis absoluto rexeitamento a todas as violencias machistas e a todas as súas formas de expresión, dicindo non á violencia de xénero…hai que detectar e visibilizar esa realidade antes de que se apodere da nosa vida, antes de que se converta en continuidade para, así, poder mudala”, di parte do documento.

Texto da moción de “Voces Novas”:

“Boas tardes a todas e todos.

Antes de comezar, O Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, queremos dar as grazas por apoiarnos e darnos un espazo para que podamos poñer en práctica o noso dereito á participación.

Nesta ocasión, centrándonos na reivindicación doutros dereitos como son a protección, o bo trato, a igualdade, a integridade ou a xustiza.

O 25 de novembro celebramos o día contra a violencia de xénero. É unha data marcada no calendario, un ano máis, por ser o día en que expresamos a nosa renuncia ás violencias contra as mulleres, polo feito de selo.

O 25 de novembro recórdase, especialmente, que a violencia machista é real e está presente no noso día a día, na nosa vida, todos os días do ano.

A violencia machista non só é física, física como este día, en que rompemos o silencio e as palabras e pensamentos transfórmanse en accións. Se non que tamén hai unha violencia invisible e silenciosa, pero tan presente como a física.

Non é de máis recordar que esta reivindicación debe estar presente todos os días, que esta loita é un problema que nos afecta a todas as persoas como integrantes dunha sociedade e que, polo tanto, debemos tomalo como un problema persoal e non mirar cara outro lado.

A violencia de xénero constitúese nunha violación dos dereitos humanos, impactando enormemente contra un dos principios en que se basean, a integridade psíquica, física e moral, neste caso, das mulleres.

Tal e como indica a Doutora María José Albert Gómez, o ser humano, polo feito de selo, ten o dereito de manter e conservar a súa integridade física, psíquica e moral; o que implica a preservación de todas as partes do seu corpo, a conservación de todas as súas habilidades motrices, emocionais e intelectuais e o desenvolvemento da súa vida de acordo ás súas conviccións.

Agora queremos formular a seguinte pregunta: credes que isto, algo tan esencial para a vida, cómprese realmente?

Ademais, por este 25 de novembro, queremos recordar que a violencia de xénero física nunca deixa unha soa vítima; as nenas e nenos, que viven cun maltratador tamén son vítimas que sofren esta violencia, no peor dos casos de forma directa, chegando a temer pola súa propia vida, e noutros de forma invisible, atopándose obrigadas e obrigados a contemplar o horror de ver como a súa nai recibe golpes e/ou insultos do seu pai.

Cada día miles de nenos e nenas sofren as consecuencias de vivir nun entorno onde este

tipo de violencia é a pauta da relación. Isto causa danos irreparables; ten consecuencias no seu desenvolvemento, creando traumas que afectarán a diversos aspectos das súas vidas:

agresividade, inseguridades, problemas de atención e concentración, baixo rendemento académico, etc.

Somos conscientes que o cambio non se producirá dun día para outro, pero queremos pararnos a pensar e reflexionar para facernos e facervos conscientes de que isto É UN PROBLEMA REAL E EN TODAS E TODOS NÓS ESTÁ A SOLUCIÓN E A POSIBILIDADE DE QUE DESAPAREZA.

Comecemos a entender que o maltrato non é só físico, que non só ten unha forma de manifestación, senón múltiples. Superemos os prexuízos arcaicos que xustifican as violacións e aceptemos que non é non. Deixemos de cuestionar á vítima. Ensinemos dende a infancia que a violencia non é un camiño, que todas as persoas somos iguais en dereitos e merecemos un trato digno. Esixamos unha educación baseada no respecto e na igualdade. E se vemos inxustizas non calemos. É HORA DE CAMBIAR A ORDE ESTABLECIDA.

Por todo isto, o Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, queremos trasladar o noso máis absoluto rexeitamento a todas as violencias machistas e a todas as súas formas de expresión, DICINDO NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO.

– Non porque cada vez que nos arrebatan a unha nai do noso carón, arrebátannos a vida.

– Non porque nós non somos ningunha arma letal que empregar interesadamente cando se discute para facer dano.

– Non porque as políticas de actuación unha vez que o dano está feito non evitan as mortes. Necesitamos políticas de prevención e de actuación sobre a forma en que nos relacionamos e respectamos.

– Non porque as nenas, nenos e adolescentes tamén somos vítimas e moito!

– Non porque cada vez que temos que vivir a violencia machista, acabámonos

silenciando máis por dentro.

– Non porque a violencia psicolóxica e social é tan machista e grave como a física.

– Non porque a nosa integridade e a de todas as mulleres é un dereito tan recoñecido como absoluto.

– Non porque queremos que se eduque aos homes para que non nos violen, en lugar de ensinarnos a nós como evitar ser violadas.

– Non porque de pouco serve que as institucións e a cidadanía traballemos por

separado cando o necesario é facelo de forma conxunta.

A violencia machista non é unha situación, é toda unha realidade.

Unha realidade de moitas mulleres e dos seus fillos e fillas que viven cada día afrontándose a unha realidade cruel e destrutiva. Unha realidade que moitas veces nin é detectada, nin se lle da importancia.

Pois ben, hai que detectar e visibilizar esa realidade antes de que se apodere da nosa vida, antes de que se converta en continuidade para, así, poder mudala”.