Tomiño aprobará en pleno o convenio para a rehabilitación enerxética da Casa de Cultura e as melloras na contorna O Concello captou o pasado mes de xuño un millón de euros do Plan PON2030 para levar a cabo o proxecto ‘Integra Tomiño’

Tomiño, 24 de outubro 2023.- O Concello segue dando pasos para construír un Tomiño máis sostible e no que as persoas sexan as grandes protagonistas. O Goberno municipal aprobará en pleno o convenio coa Deputación de Pontevedra para a posta en marcha do proxecto ‘Integra Tomiño’, a través do que se levará a cabo a rehabilitación enerxética da Casa de Cultura e se implementarán melloras no espazo público de toda a contorna, buscando unha conexión peonil entre os equipamentos do Seixo.

Trátase dun proxecto para o que o Concello acadou xa en xuño, antes da celebración das eleccións municipais, unha subvención dun millón de euros do PON2030, un plan extraordinario para transformar os concellos para seguir avanzando na execución da Axenda 2030. Dentro do proceso de avaliación dos proxectos presentados, a proposta de Tomiño acadou a oitava mellor puntuación entre as 40 iniciativas finalmente subvencionadas.

Cun investimento total de 1,3 millóns de euros, o proxecto ‘Integra Tomiño’ non só abarcará a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura, senón tamén a mellora e acondicionamento de todo o espazo adxacente situado diante do edificio de Benestar Social, na rúa República Arxentina e na vía situada tras a Casa de Cultura, ata o Centro de Día. A proposta busca a integración de equipamentos a través do espazo público co obxectivo de crear unha contorna cohesionada e funcional para desfrute da veciñanza.

O concelleiro de Planificación Estratéxica, Uxío Benítez, salientou que acadar este importante investimento “permitirá que levemos adiante un proxecto que mellorará e modernizará a infraestrutura existente e creará un espazo máis accesible e atractivo para a veciñanza”.