Tomiño arranca a súa Programación de Primavera, con propostas de teatro, música, exposicións, cursos e obradoiros O Concello editou unha axenda en papel, coas actividades clasificadas por áreas e datas, para ser distribuída entre a cidadanía

Cun programa de actividades transversal e integrador, no que se lle dá cabida a todas as citas culturais, deportivas e de voluntariado, así como as dirixidas á mocidade, á infancia e ao público en xeral, chega a nova Axenda de Primavera 2019 do Concello de Tomiño. A programación aglutina todas as actividades organizadas no municipio para o vindeiro trimestre, coa fin de facilitar a difusión e traballar dun xeito planificado para conseguir que toda as actividades preparadas teñan a mellor aceptación posible.

Con este obxectivo, o Concello vén de editar unha nova axenda en papel que recolle unha trintena de actividades que se levarán a cabo os meses de febreiro, marzo, abril e maio. Esta axenda está a ser colocada en lugares de moito tránsito para difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, pero tamén pode consultarse directamente na web do concello (https://tomino.gal/axenda-primavera-2018/).

A programación arrancou co Club de Lectura; unha actividade organizada polo Grupo de Voluntariado Local, que terá lugar un sábado ao mes durante todo o ano, no primeiro andar do Mercado Municipal.

No eido cultural, a primeira actuación foi o sábado pasado “De Outra Margem”, unha proposta musical a cargo dun grupo de profesorado de secundaria, que contou coa colaboración de ex-alumnado do IES Antón Alonso Ríos.

Unha trintena de actividades

O mes de febreiro completarase con tres cursos dirixidos especialmente á mocidade, dous deles de idiomas non convencionais, coma son o chinés (nivel básico) e o ruso (nivel 1).

O domingo 17 de febreiro chegará “Pelepau”, compañía viguesa composta por 11 percusionistas que recollen a tradición das treboadas do Baixo Miño e Portugal, coma expresión artística.

Por outra banda, o 22 de febreiro terá lugar a presentación do libro “Anónimas”, con acuarelas orixinais de Gemma Marqués, inspiradas en mulleres correntes da serie “Anónimas, retratos de musas cotiás”. Estes retratos darán vida, asemade, a una exposición de pintura no propio mercado municipal, até o día 11 de marzo.

O sábado 23 de febreiro, “O Fiadeiro” amosará a súa labor de recuperación da música de antigas orquestras, con mostra de diversos bailes.

Pecha o mes de febreiro a actuación de “Son Trío”, un grupo feminino vigués que presenta o seu proxecto “Miña Almiña”, con letras de Rosalía de Castro e con música orixinal.

Completa a programación unha vintena de actividades e espectáculos, entre os que destacan o desfile de Entroido “Venres de Foliada” (1 de marzo); a XIV Mostra de Cultivos (15, 16 e 17 de marzo); a X Mostra de Arte Infanto-xuvenil Educarte (29 de maio); as actividades organizadas polo Grupo de Voluntariado Local (Letras Galegas, concursos, etc.), e os cursos e obradoiros, entre os que haberá ademais de idiomas, moda (customización de prendas), creatividade visual para fotografía e vídeo; escalada e adestramento canino.