Tomiño aumenta o número de auxiliares de axuda no fogar para atender a máis de 100 usuarios Tras a celebración dun curso para persoas desempregadas, contratáronse varias persoas máis, formadas en atención a domicilio

O concello ten na actualidade 36 auxiliares socio-sanitarias que atenden a máis de 100 persoas maiores, dependentes ou enfermas, distribuídas por todo o termo municipal. Ante a previsión de que a Xunta de Galicia aumente 900 horas máis para usuarios con dependencia, o Concello organizou recentemente un curso gratuíto de auxiliar socio-sanitario, co que na actualidade, se sumaron varias persoas máis ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Tomiño.

Cristina Martínez, responsable da área de Benestar, destaca que “o servizo de axuda no fogar é un servizo de calidade que se ven ofertando aos usuarios de servizos sociais dende hai varios anos”. Segundo a concelleira, “é un servizo necesario orientado a persoas en situación de dependencia que beneficia tanto aos usuarios e usuarias como aos seus coidadores, mellorando a calidade de vida de ambos”.

O programa de axuda no fogar inclúe servizos de fisioterapia, acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables, coma así tamén material técnico como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, andadores, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha-baño e outros materiais necesarios para o coidado de persoas maiores ou enfermas.

Os responsables da empresa adxudicataria do servizo (Idades S.L) recoñécense sorprendidos pola cantidade de usuarios, comparada coas de outros concellos do Sur de Pontevedra. O certo é que Tomiño non poñe un límite de prazas, senón que vai adaptando o servizo aos casos que o Departamento de Benestar, considera que o precisan, segundo o estado das persoas que, por razóns de idade, enfermidade ou discapacidade, ou ben, ligadas á falta ou perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisan axuda para realizar as actividades básicas da vida diaria ou apoios para a súa autonomía persoal.

Deste modo, na actualidade están contratadas 34 auxiliares de axuda a domicilio que realizan un total de 2500 horas ao mes, cunha media de 20 horas semanais cada unha.

A maioría destas auxiliares son veciñas de Tomiño de entre 30 e 40 anos con formación que, cada día, acompañan, asean, conversan, lembran a medicación prescrita polo médico, activan cognitiva e fisicamente á persoa usuaria, e en menor medida, realizan tarefas propias do fogar, como cociñar ou limpar.

Habitualmente acoden ao domicilio do usuario pola mañá, aínda que tamén hai casos nos que o servizo se presta de tarde-noite ou en fins de semana, xa que está concibido como unha forma de apoio e respiro ás familias con persoas maiores, enfermas ou discapacitadas ao seu cargo.

Tamén dáse o caso de familias que precisan o servizo para coidar dos seus fillos menores, por diversas causas, e que non poden custearse un coidador privado. Neste caso son os pais os que figuran como usuarios.

A gran dispersión das parroquias que conforman o municipio obriga a moverse en coche propio ás traballadoras, moitas das cales levan anos prestando o servizo, que se financia con fondos municipais (este ano o Concello aumentou a partida a máis de 100.000 euros); outros procedentes do Goberno Autonómico (Lei de Dependencia) e unha cantidade módica que achegan as familias.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a disposición do Concello a continuar organizando accións formativas coma o curso impartido recentemente, xa que ao mesmo tempo que ofrecen unha formación especializada, dan resposta á demanda actual en diferentes sectores do mercado laboral.