Tomiño autoriza as fogueiras de San Xoán só en espazos privados e con certas prescricións O Concello avisa que a autorización previa é obrigatoria en todos os casos, e que a mesma quedará sen efecto se houbera condicións meteorolóxicas que desaconsellen facer fogo

En cumprimento do disposto no DECRETO APROBADO POLA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL DECRETO 150/2006, DO 22 DE XUÑO, POLO QUE SE REGULAN MEDIDAS RELATIVAS Á PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS, Á PROTECCIÓN DOS ASENTAMENTOS NO MEDIO RURAL E A REGULACIÓN DE APROVEITAMENTOS E REPOBOACIÓNS FORESTAIS, o Concello de Tomiño comunica á veciñanza que:

  1. Non poderán celebrarse fogueiras na noite do 23 ao 24 de xuño, festividade de San Xoán, en espazos públicos; unha medida que se enmarca dentro da prohibición de celebrar “festas, verbenas e outros eventos populares”, recollida na orde publicada o pasado 28 de maio. Porén, si están permitidas as fogueiras organizadas por particulares en espazos privados, debendo cumprirse en todo momento a normativa  de prevención anti-Covid existente, como a distancia social e o uso da máscara.
  2. A autorización previa para todos aqueles particulares que queiran facer unha fogueira é obrigatoria, e poderá formalizarse no Concello até o día 22 de xuño ás 12.00 horas. A mesma quedará sen efecto no caso que a Consellería de Medio Rural, indique no IRDI (Índice de risco diario de incendios forestais) nivel de risco moi alto ou extremo. Este aspecto poderá ser consultado no enlace: http://mediorural.xunta.es/areas/forestal/incendios_forestais/irdi/
  3. Recoméndase non superar as 15 persoas no exterior da propiedade nin as 6 no interior da mesma.
  4. A autorización quedará sen efecto en caso de condicións meteorolóxicas adversas que desaconsellen facer un fogo (fortes ventos, temperaturas elevadas, etc.) ou ben se dean as circunstancias establecidas no decreto.
  5. A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas que puidera haber no lugar, no caso que concorra neglixencia ou imprudencia.

Asemade, o Concello de Tomiño establece as seguintes prescricións para os particulares que leven adiante unha fogueira de San Xoán:

  1. O diámetro da fogueira non será  superior a 8 metros e a altura a 3m.
  2. O material de combustión será materia vexetal, quedando prohibido a queima de calquera outro tipo de materia.
  3. A separación entre as fogueiras e os edificios e árbores, será como mínimo de 12 m.
  4. Queda expresamente prohibido facer as fogueiras nas praias.
  5. Previo ao seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos 10 m. de largo rodeando o perímetro da fogueira.
  6. Non poderá iniciarse ningunha fogueira cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Así mesmo, se iniciada a fogueira se producise aparición de vento, suspenderase inmediatamente o fogo, procedéndose a apagar o lume.
  7. Non se abandonará a vixilancia da zona da fogueira, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.
  8. Toda fogueira autorizada deberá contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control. Dado o elevado risco que supón este tipo de acción, en ningún caso se poderá realizar individualmente, mesmo no caso de que a súa extensión sexa pequena e en principio se considere que o risco é mínimo.
  9. Queda prohibida a tirada de fogos sen a preceptiva autorización, e en caso de posuíla, os devanditos fogos non poderán ser tirados de noite.