03 Out Tomiño axenda un outono con máis de 40 actividades de lecer para todos os públicos De outubro a xaneiro, o Concello porá en marcha novidosos programas como o ‘Mes do humor’ e o ‘Mes do amor’
O ‘Mes do humor’ arrancará este sábado 7 (21.00 h) con ‘Nais’, unha comedia de enredo protagonizada por Inma Morandeira e Eva Iglesias
A axenda xa se pode consultar actualizada na web municipal
Tomiño prepara un final de ano cargado de actividades. O Concello xa ten en marcha a ampla programación para este outono, unha axenda con máis de 40 propostas culturais, deportivas e de lecer de outubro a xaneiro para o desfrute de público de todas as idades.
A tradicional axenda cultural de outono chega cunha morea de actividades e dous novidosos programas: o ‘Mes do humor’ e o ‘Mes do amor’. Durante todo o mes de outubro, o auditorio municipal de Goián converterase en escenario de hilarantes e divertidas historias capaces de sacar sorrisos a esgalla. Este ciclo de humor arrancará este sábado 7 de outubro con ‘Nais’, unha comedia de enredo chea de historias disparatadas protagonizada por Inma Morandeira e Eva Iglesias. 75 minutos de pura comedia na que nada é o que parece e no que un karma caprichoso achega a dúas mulleres totalmente diferentes. ‘Smoke on the water’, de Ibuprofeno Teatro, ou ‘Nina Ninette’, de Paula Quintas-Cía serán outras das propostas para este ‘Mes do humor’.
O mes de novembro Tomiño estará centrado no amor e en historias nas que as relacións afectivas de todo tipo serán o centro. Así, o público poderá achegarse ao auditorio de Goián para desfrutar ‘Duncan de palleiro’, de Lila Teatro; de ‘1888. A señorita Xulia’, de Estudo Momento ou de ‘Viva Vivaldi (1, 2, 3 e 4 estacións)’, dos Monicreques de Kukas.
Decembro será como sempre o mes do Nadal, con actividades solidarias, os tradicionais concertos de nadal da Coral Polifónica de Tomiño e da Banda infantil e xuvenil da Escola de Música e da banda da Agrupación Musical de Goián, un programa con morea de actividades para nenos e nenas ou a Cabalgata de Reis.
“Temos xa en marcha un novo e completo programa trimestral no que aglutinamos todas as actividades de cultura, mocidade, deporte, voluntariado e transfronteirizas dun xeito cómodo e planificado”, salientou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora animou a toda a veciñanza a consultar a axenda de outono e “desfrutar dunha morea de actividades coas que aprender, divertirse e gozar da cultura”.
A axenda xa está dispoñible actualizada na web do Concello de Tomiño.