Tomiño axuda a optimizar a xestión de 30 traídas de auga cunha subvención de 50.000 euros As achegas utilizáronse para realizar melloras de infraestruturas, mantemento e analíticas necesarias para un bo funcionamento das instalacións, que dan servizo a máis de 5.500 usuarios/as

O Concello de Tomiño subvencionou no pasado ano a 30 comunidades de augas veciñais, repartindo un total de 50.000€ dos cales 40.000€ serviron para a mellora das infraestruturas e mantemento, e 10.000€ para a subvención ao 50% das analíticas básicas de augas.

Para conceder as subvencións tivéronse en conta datos como o número de billas, a cota por usuario, se proporcionan auga a colexios, IES ou centros de maiores; a alta no SINAC (Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo), e a presentación dun protocolo sanitario, entre outras cuestións.

As infraestruturas subvencionadas, que dan servizo a máis de 5.500 usuarios e usuarias (entre eles comunidades educativas do IES e 4 colexios, e 1 residencia de maiores), foron sobre todo cloradores, recubrimentos de depósitos, decantadores, cerres de mananciais e casetas. Tamén houbo casos nos que se inverteu en innovación, coma estudios para prototipos destinados a reducir o aluminio na auga, ou placas solares.

A subvención foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o 8 de maio de 2019, rematando o prazo para  solicitala o 10 de xuño de 2019, e o de xustificación o 1 de decembro.

O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, confirmou a vontade do goberno de seguir axudando ás traídas de auga locais e salientou o traballo desenvolto polo seu conxunto que, de forma totalmente desinteresada, se ocupa de optimizar a xestión dun recurso tan importante coma é a auga para o seu consumo. Asemade, o edil agradece a labor de COXAPO pola súa labor de superación constante, non so en Tomiño -onde ten a súa sede- senón tamén en Galicia, España e o estranxeiro, organizando xornadas de formación e compartindo a súa experiencia, en defensa das comunidades veciñais de augas.