Tomiño busca persoas voluntarias para celebrar o seu Nadal máis solidario

Tomiño busca persoas voluntarias para celebrar o seu Nadal máis solidario

O Concello pon en marcha un programa para levar un agasallo a cada unha das persoas maiores usuarias do Centro de Día e das residencias de terceira idade do municipio

Tomiño prepárase para o seu ‘Nadal voluntario, Nadal solidario’. En colaboración co Centro de Día e coas residencias da terceira idade, o grupo de voluntariado da OMIX do Concello vén de poñer en marcha unha campaña especial para levar o espírito do nadal aos corazóns das persoas maiores do municipio. “Queremos encher de sorrisos estas festas, especialmente para as nosas avoas e avós, persoas que tanta importancia teñen para todas e todos nós”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Para levala a cabo, búscanse veciños e veciñas voluntarias que preparen agasallos feitos preferiblemente a man xunto cunha nota manuscrita personalizada que se farán chegar a cada unha das persoas usuarias destes centros tomiñeses, pequenas expresións de agarimo e calidez nun momento do ano tan especial.

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse xa a través da web municipal. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará con todos os voluntarios e voluntarias participantes para darlle información máis detallada da persoa maior asignada.