Tomiño busca un deseño atractivo para conmemorar o Día de Rosalía O Concello organiza un concurso do deseño dunha bolsa de tea que premiará á creación máis orixinal inspirada na autora galega ou nas súas obras

As propostas poderán presentarse ata o vindeiro 13 de febreiro

Tomiño busca un deseño atractivo para conmemorar o Día de RosalíaO Concello de Tomiño prepárase para celebrar o Día de Rosalía de Castro con enxeño e creatividade. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño vén de abrir o prazo para participar no concurso de deseño dunha bolsa de tea co que conmemorar o día da autora galega máis universal, figura indispensable na literatura europea do século XIX.

O deseño, que será libre e aberto, deberá estar inspirado en Rosalía de Castro ou relacionado coas súas obras. O xurado valorará a creatividade e a orixinalidade das propostas, que deberán estar pensadas para colocarse unicamente na parte dianteira da bolsa de tea e ter unha soa cor para estampar sobre fondo claro.

A frase, debuxo ou deseño gráfico que resulte gañador será estampado en 50 bolsas de tea que se repartirán o propio 23 de febreiro, Día de Rosalía, no Mercado municipal de Tomiño durante o concerto homenaxe que se celebrará ás 20.00 h e no que Acevedos Delgados musicalizará poemas da autora galega.

A alcaldesa, Sandra González, anima a todos os tomiñeses e tomiñesas a sumarse a este concurso e “achegar o seu gran de area para conmemorar o legado literario e cultural de Rosalía de Castro. É unha oportunidade única de honrar a unha das nosas autoras máis emblemáticas dende a imaxinación e a creatividade”.

O premio do concurso consistirá en 100 euros para gastar na libraría tomiñesa escollida pola persoa gañadora. Ademais, dende o Concello darase a máxima difusión á creación vencedora tanto a través das redes sociais como doutros medios de comunicación.

As persoas interesadas en participar poderán enviar as súas propostas por correo electrónico a omix@tomino.gal ata o vindeiro martes 13 de febreiro.