Tomiño capta máis de 839.000 euros para a renovación do alumeado público

Tomiño capta máis de 839.000 euros para a renovación do alumeado público A alcaldesa e subdelegada do Goberno do Estado en Pontevedra afondaron este xoves no Concello sobre as actuacións cofinanciadas polo Programa DUS 5000

O Goberno municipal aposta pola eficiencia enerxética e, a través desta subvención, modernizará 2.000 das 7.000 luminarias do municipio, implementando un control domómico e reducindo un 50% o consumo enerxético

O Concello de Tomiño obtivo máis de 839.000 euros de fondos europeos Next Generation para a renovación e modernización de 2.000 das 7.000 luminarias do municipio con tecnoloxía eficiente que permitirá implantar un control domótico e reducir un 50% o consumo enerxético. Así o explicaron a alcaldesa, Sandra González, e a subdelegada do Goberno do Estado en Pontevedra, Maica Larriba, que este xoves mantiveron un encontro na Casa Consistorial na que afondaron sobre a subvención obtida ao abeiro do Programa DUS 5000 xestionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co que se busca incentivar a transición enerxética e o cambio cara á mobilidade sostible.

A rexedora salientou durante a visita a importancia de conseguir estes fondos “para seguir traballando dende o Goberno municipal para mellorar o benestar e a calidade de vida dos tomiñeses e tomiñesas, ao tempo que apostamos por reducir o consumo enerxético e camiñamos cara a sistemas de alumeado cada vez máis eficientes”. Larriba, pola súa parte, destacou que con estas subvencións “o Goberno do Estado axuda aos pequenos municipios a loitar contra o despoboamento e a participar na transición enerxética, convertendo o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia posto en marcha nunha oportunidade para acelerar o salto cara a unha economía máis verde, sostible e xusta”.

A subdelegada aproveitou o encontro coa alcaldesa e con parte da corporación municipal para informar a Tomiño sobre os programas dispoñibles do Goberno estatal en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, revisar o estado do resto de investimentos do Estado na localidade e coñocer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquedanzas.

Ademais, Larriba informou da presenza de Tomiño nas dúas convocatorias de dixitalización do territorio que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dentro do Plan de Recuperación. Así, Tomiño contará con internet de alta velocidade, superior a 300mb, en 60 novas zonas nas que se localizan 340 vivendas e empresas do municipio. “Garantimos a conectividade de máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio, en puntos nos que a día de hoxe non se dispón deste tipo de cobertura, básica para a xente que vive no rural e para asentar nova poboación”, engadiu a subdelegada.

Amais, a subdelegada lembrou que estas inversións non son as únicas pegadas do Plan de Recuperación neste Concello, que baixo o paraugas da liña de axudas a mercados sostibles, vén de conseguir máis de medio millón de euros para desenvolver actuacións para consolidar o comercio de proximidade. Ademais, Tomiño tamén forma parte do proxecto ‘Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Despensa de Galicia’, que foi financiado con 1,5 millóns de euros.

Maica Larriba tamén lembrou outros investimentos do Goberno, como as iniciativas de mellora da eficiencia enerxética do IDAE, para as que Tomiño recibiu máis de 1,2 millóns de euros ou as transferencias no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero, ao abeiro das cales a localidade recibiu máis de 32 mil euros nos últimos cinco anos. En total, os investimentos do Estado no Concello superan os 3,2 millóns de euros.