I Carreira de Nadal de Tomiño

Tomiño celebra a véspera de Noiteboa con deporte e un mercado creativo cargado de actividades O centro da vila será o grande protagonista durante toda a xornada, coa saída da carreira e os postos de artesanía, ilustración, moda, arte, decoración e complementos do mercado

Tomiño agardará ao Nadal con moita actividade para toda a familia. O domingo 23 de decembro o centro da vila converterase no escenario principal da I Carreira de Nadal, organizada polo Concello de Tomiño en colaboración co Club Atletismo Tegra, e do I Mercado Creativo de Nadal, posto en marcha coa axuda dos praceiros e praceiras do Mercado Municipal.

I Carreira de Nadal

A I Carreira de Nadal contará con sete categorías que sairán por quendas da rúa Daniel Calzado: Absoluto Masculino/Feminino 4,5 km (11.00h), Alevíns Masculino/Feminino 1,5 km (11.30h), Infantís Masculino/Feminino 1,5 km (11.30h), Cadetes Masculino/Feminino 1,5 km (11.30 h), Benxamíns Masculino/Feminino 600 m (11.40h), Prebenxamíns Masculino/Feminino 250 m (11.50h) e Pulgas Masculino/Feminino 100 m (12.00h).

A proba rematará con chocolate para todas as persoas participantes. A inscrición, de balde, pode facerse a través do enderezo electrónico carreiranadaltomino@gmail.comou o mesmo día da proba.

I Mercado Creativo de Nadal de TomiñoI Mercado Creativo

Os soportais e arredores do Mercado Municipal de Tomiño e a Praza do Seixo, diante do Concello, acollerá este domingo 23 o I Mercado Creativo de Nadal. De 11.00 a 21.00 h todas as persoas visitantes poderán atopar postos de artesanía, ilustración, moda, arte, decoración e complementos e desfrutar dun amplo programa lúdico e formativo con actividades para adultos e nenos e nenas.

Deste xeito, pola mañá (de 12.00 a 14.00 h), unha nutricionista impartirá no andar de abaixo do Mercado Municipal o ‘Obradoiro de elaboración dun menú semanal’. A esta actividade seguiralle un ‘Obradoiro infantil de galletas’ que se impartirá de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 18.30 h tamén no andar de abaixo do mercado.

A mediodía, o primeiro andar acollerá a sesión ‘Vermú con petiscos’ e un concerto a cargo de Denís Carballás (de 12.30 a 15.00 h). Xa pola tarde, sesión lúdica coa chegada do Apalpador, que andará de visita polo Mercado Municipal e pola Praza do Seixo de 17.00 a 19.00 horas.