Tomiño celebra as súas Festas do Alivio cunha programación de balde e para toda a familia

Tomiño celebra as súas Festas do Alivio cunha programación de balde e para toda a familia Un espectáculo musical baseado no amor pola natureza e o compromiso pola terra abrirá o programa o vindeiro luns

Tomiño celebra as súas festas patronais da Virxe do Alivio cunha programación cultural pensada para todos os públicos, con diferentes propostas e actividades lúdicas dirixidas ao público familiar. Con acceso libre e de balde, dende o 5 ao 10 de setembro a Praza do Seixo será a escenario dunha nova edición das Festas do Alivio das que desfrutar con total normalidade, sen ter que facer inscrición nin reserva de praza previa.

‘O que levamos nas maletas’, de Magín Blanco abrirá o programa o luns 5 de setembro. Creador de moitas composición que forman parte de propostas musicais para o público infantil, Magín Blanco interpretará en directo unha selección dos temas que el mesmo compuxo acompañados dunha narración para os máis pequenos e pequenas. Un contacontos musicado que axudará a nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan crear o seu propio universo creativo. Será ás 19.00 horas e o concerto está dirixido a público infantil a partir de 3 anos.

A programación continúa cun espectáculo de narración oral no que Inacio Vilariño aborda o tema do xénero dende a perspectiva das novas masculinidades. ‘Novos Lobos’ deconstrúe algúns contos da literatura popular para adaptalos a unha nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais que axuden a prever a violencia de xénero. A cita é o 6 de setembro, ás 19.00 horas no Seixo e o está dirixida a público infantil a partir de 5 anos.

O mércores 7 será a quenda de ‘Soñando inventei’, unha proposta onírica e valente coa que María Faltri, a través dunha mestura de poesía e música, falará de personaxes femininas que soñan con sentirse en paz e liberar os seus segredos, que non queren ser xulgadas polo seu aspecto ou identidade, que queren ser libres para ser elas mesmas e chegar a tocar a lúa. Este espectáculo transformador pola diversidade de xénero dará comezo ás 19.00 horas na Praza do Seixo e está pensado para público infantil a partir de 3 anos de idade.

O xoves 8 gozaremos dun concerto cargado de boas vibracións a cargo de A Viola, un dúo integrado polos tomiñeses Gerardo Rebagliati e Darío Penedo. Unha actuación que atrapará ao público de todas as idades e que comezará ás 20.00 horas.

A programación culminará o sábado 10 cunha nova edición do Acto Cívico do Alivio na Praza do Seixo. O acto, que arrancará ás 21.00 horas e contará coa participación da Banda de Música da Agrupación Musical de Goián, homenaxeará, como é costume, a unha persoa tomiñesa distinguida.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida á veciñanza a gozar dunhas festas que regresan a súa normalidade pre-pandemia, nas que se agarda unha grande afluencia de público e que “apostan por unha programación innovadora e inclusiva, pensada para o desfrute e a confraternización das familias”.