Tomiño celebra as ‘Xornadas feministas para o fomento da participación de mulleres novas’ A actividade, que contará con recoñecidas profesionais do mundo do feminismo e de diversos sectores, celebrarase no salón de plenos, do 23 a 27 de setembro en horario de tarde. As xornadas son de balde e contan con servizo de gardería

O Concello de Tomiño segue traballando para conseguir que a igualdade sexa unha realidade. Por este motivo, este luns arrancan no Salón de Plenos da casa consistorial as ‘Xornadas feministas para o fomento da participación de mulleres novas’, cinco días de charlas, debates e obradoiros prácticos dirixidos a mulleres novas “que desexen coñecer a nosa historia e contribuír activamente a facer posible que o conto siga mudando ata que a igualdade sexa, por fin, unha realidade”, como salienta a concelleira de Igualdade, Cristina Martínez.

As charlas e demais actividades terán lugar no salón de plenos do Concello desde o luns 23 ata o venres 27 de setembro, entre as 16.00 e as 21.00 horas, e contarán coa presenza de figuras de recoñecido prestixio no campo do feminismo, o pensamento crítico, o asociacionismo con perspectiva de xénero, a acción colectiva, a autoestima e a identidade persoal e social.

Entre as poñentes convidadas estarán Nanina Santos Castroviejo (escritora, integrante do consello de redacción da revista de pensamento feminista Andainae figura histórica do movemento feminista galego), Ania González (avogada e crítica cultural,  especialista en Teoría Crítica do Discurso, colaboradora en diversos colectivos independentes e de autoxestión e crítica de arte en Babelia-El País) ou Diana López Varela (xornalista e escritora, autora de ‘No es país para coños’; directora da curta  ‘Feminazi’ e colaboradora en diversos medios de comunicación) que presentará o seu libro ‘Maternofobia. Relato de una generación enfrentada a la maternidad’.

A través de cinco xornadas, as persoas que participen analizarán o feminismo como teoría e movemento emancipador e a súa contribución aos cambios sociais; experiencias na participación activa das mulleres e areivindicación de dereitos; procesos de empoderamento,  xestión e práctica na constitución de asociación, emprego…

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse aínda na web municipal (www.tomino.gal). Para as persoas que o soliciten, haberá servizo de gardería.

Descarga aquí o programa completo.