20 Nov Tomiño celebra o “Día Universal dos Dereitos da Infancia” cun pleno infantil e alumnado de todos os coles e instituto Entre as persoas convidadas estiveron dúas representantes do Comité Galego de Unicef
O Salón de Plenos do Concello de Tomiño encheuse esta mañá de cor e voces infantís, para celebrar o Día Universal dos Dereitos da Infancia. Un pleno no que participaron nenos e nenas de todos os coles do municipio, Instituto de Ensino Secundario, representantes do comité galego de Unicef, concelleiros e alcaldesa.
A sesión comezou sobre ás 11 da mañá coa participación do alumnado e rematou coas palabras da alcaldesa, Sandra González, e a vicepresidenta de UNICEF Comité Galicia, Gloria del Río.
O primeiro en participar foi o CRA Mestre Manuel Garcés, cunha vacina contra a violencia, a base de bicos, abrazos, palabras bonitas, harmonía e amor.
Seguiulle unha representación do CEP Pedro Caselles, que escenificou un caso de acoso e exclusión escolar.
Dende Goián chegou o cole Pintor Antonio Fernández, cunha vacina contra o virus “pegasus abusón” e os antídotos correspondentes: non insultar, non ignorar nin illar a ninguén; evitar conflitos innecesarios, etc.
O CEIP Plurilingüe de Tebra tamén estivo presente, con vacinas para varios virus e receitas, fórmulas e tratamentos preventivos para eliminalos.
Barrantes optou tamén por presentar virus e vacinas para combatir o acoso e a exclusión. Por último, unha representación do alumnado do IES Antón Alonso Ríos, presentou o “Virus Insultata”, dando receitas a base de tolerancia e amor para terminar con el. Lectura dun manifesto no que deron conta do seu malestar ante aspectos negativos da actualidade, coma os casos de violencia machista, as guerras, as desigualdades sociais e a indiferencia. Propuxeron a creación dunha ONG na que sexa posible exercitar valores coma a paciencia, a ilusión, a tolerancia, a esperanza e a educación.
A alcaldesa, pola súa banda, felicitoulles polo traballo realizado e aproveitou para lembrar a recente declaración de Tomiño coma Cidade Amiga da Infancia e da Adolescencia, convidándolles a participar no Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas”.
Gloria del Rio, de Unicef Galicia, foi a encargada de pechar o pleno. Agradeceu a todos o traballo realizado e lembrou que “UNICEF traballa todo o ano para conseguir cambios reais na vida dos nenos e as nenas, e o Día Universal do Neno é un momento clave para sumarnos a este chamamento mundial a favor da infancia e dos nenos máis vulnerables”.