Tomiño celebra os días do bosque e da árbore entregando plantas forestais autóctonas O obxectivo da campaña é contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require unha correcta xestión da biomasa para a prevención de incendios

O luns 21 de marzo, con motivo do Día dos Bosques, e ata o 28 de xuño, Día da Árbore, o Concello de Tomiño lanzará a campaña “Enche o teu monte de vida autóctona”; unha campaña de entrega de planta forestal frondosa e autóctona, co obxectivo de contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require ás persoas propietarias unha xestión correcta da biomasa e onde se prohiben árbores como pino, eucalipto e acacia, seguindo sempre as indicacións da Lei de prevención de incendios forestais.

Para iso, cada titular dunha parcela en franxa secundaria, que estea ben xestionada, poderá solicitar plantas para a súa parcela, no departamento de Medio Rural do Concello.

“Do que se trata é de concienciar á cidadanía sobre os beneficios de plantar especies frondosas autóctonas e, dado que  en moitos casos se lle obriga a cortar as que tiña, valore a opción de plantar árbores permitidas nestas franxas”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

O Concello de Tomiño, cunha superficie total de faixa secundaria de 797,51 hectáreas, investirá uns 3.000 euros na compra destas árbores: 1.600 unidades de 10 especies distintas: castiñeiro, carballo, sobreira, loureiro, cerdeira, nogueira, aciñeira, acivro, érbedo e bidueiro.

As persoas propietarias que teñan limpado as súas parcelas conforme á lei; especialmente nas dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño), poderán pasar pola oficina de Medio Ambiente para solicitar as árbores.

A técnica do departamento entregará vales para ir recoller as plantas a un lugar acondicionado, logo de comprobar, a través de fotografías, a limpeza realizada previamente.

O número de árbores entregadas a cada titular dependerá do tamaño da súa parcela, pois entregarase unha árbore por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias. “Se temos éxito, podemos repetir nos anos vindeiros”, avanza a concelleira.

Dende o departamento de Medio Rural lembran que as novas especies frondosas deberán plantarse a máis de 15 metros das vivendas; a 2m dos lindeiros e camiños públicos, e a 4m de estradas de máis de 5m de ancho.