Tomiño con acento francés

Tomiño con acento francés O IES Antón Alonso Ríos recibe ao alumnado do Lycée Boucher de Perthes tras o paso do estudantado tomiñés por Abbeville o pasado mes de marzo

Trátase dunha actividade organizada ao abeiro do programa de intercambio EduFrance

A mellor forma de aprender un idioma é lanzándose á inmersión lingüística. Consciente desta realidade o departamento de Francés do IES Antón Alonso Ríos traballa nun proxecto pedagóxico que permitiu ao centro tomiñés conseguir unha das 20 becas ofertadas para toda Galicia ao abeiro de EduFrance, un programa de intercambio enmarcado nas recomendacións da Comisión Europea, que considera a competencia en linguas un recurso indispensable nunha Europa cultural e lingüisticamente diversa.

O alumnado de Francés do IES Antón Alonso Ríos mergullouse na cultura, na vida e na sociedade francesa coa súa viaxe dunha semana o pasado mes de marzo a Abbeville, unha cidade da Picardía estratexicamente situada ao norte de Francia que lles permitiu achegarse en pouco tempo a diferentes puntos de interese histórico e cultural, como Amiens, Baie de Somme, Eu, Mers les Bains, Le Tréport ou mesmo París.

Rapaces e rapazas tomiñesas foron acollidos polas familias do Lycée Boucher de Perthes e asistiron a clase cos seus compañeiros e compañeiras francesas, participando en todas as actividades propostas. Unha grande acollida por parte do alumnado francés, de familias e de equipo docente, que os recibiron cunha xigantesca bandeira galega na recepción do centro educativo e que durante toda a estancia os trataron con moito afecto e agarimo. Unha experiencia que o estudantado de Tomiño valorou “moi positivamente” e que permitiu crear grandes lazos de amizade que seguramente se manterán no tempo.

E tras o paso da nosa mocidade por Abbeville, o IES Antón Alonso Ríos e as familias tomiñesas acollen durante toda esta semana a quince alumnas e alumnos franceses do mesmo Lycée Boucher de Perthes nunha estancia na que están a participar nas aulas e nas actividades do centro. A alcaldesa, Sandra González, recibiunos no Concello e deulles os parabéns por estar desfrutando desta experiencia inesquecible. Ademais de participar en varios obradoiros en Polos Creativos e intervir en Radio Mocidade, a radio do IES, están aproveitando a súa estancia para coñecer a rexión acompañadas e acompañados do estudantado tomiñés: xunto ao Baixo Miño, visitaron tamén Pontevedra, o Castelo de Soutomaior, Vigo, Santiago de Compostela ou as illas Cíes.

Dende o Concello quérese agradecer o traballo e esforzo que fai o Departamento de Francés do IES Antón Alonso Ríos para ofrecer ao alumnado do centro grandes experiencias que lles permiten seguir avanzando na súa aprendizaxe. Destaca tamén a implicación do propio instituto, das familias, da comunidade educativa e da ANPA para que rapaces e rapazas poidan gozar deste tipo de iniciativas.