Tomiño concederá subvencións por valor de 90.000 euros a asociacións sen fins de lucro As bases para presentar as solicitudes no caso de asociacións deportivas e de interese social, veñen de ser publicadas (onte) no Boletín Oficial da Provincia, pudendo consultarse tamén na páxina web do Concello

O Concello de Tomiño concederá un ano máis subvencións a asociacións sen fins de lucro, que realizan actividades no ámbito cultural, deportivo e social no municipio. A convocatoria, publicada onte, mércores 6 de abril (no caso de asociacións deportivas e de interese social), ten coma finalidade apoiar a estas entidades, chegando este ano o monto total das subvencións a 90.000 euros.

Os organismos poderán recibir, coma vén sendo habitual, o 80% coma máximo, do orzamento presentado.

No caso das asociacións deportivas, poderán ser beneficiarias da subvención os clubs e entidades federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas respectivas federacións deportivas. Tamén deportistas tomiñeses individuais recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional. Serán subvencionables os gastos federativos de 2022; gastos de arbitraxe, de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas; de material deportivo de carácter funxible e vestimenta deportiva, etc.

As entidades de carácter social, pola súa banda, deberán solicitar as axudas para proxectos ou actividades “de especial interese cultural e social” nos que estea xustificado o financiamento municipal. Axudas destinadas a promover o benestar social da cidadanía do Concello de Tomiño a través de accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadán, dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais e que se realicen durante o ano 2022. As subvencións poderán ser solicitadas para financiar actividades definidas como prioritarias. A tales efectos poderanse financiar os gastos de proxectos e actividades enmarcadas en cada unha das seguintes áreas de actuación: atención á discapacidade, atención a menores, apoio á dinámica familiar, voluntariado social, atención á toxicomanía, prevención de situacións de violencia intrafamiliar, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, atención á inmigración, atención a minorías étnicas ou outros proxectos “de especial interese social” nos que estea xustificada a súa financiación municipal.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo para a presentación de solicitudes empeza hoxe, día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO, e finaliza no prazo dun mes natural. As bases poden ser consultadas na Sede Electrónica do Concello de Tomiño, no catálogo de “Trámites” dentro do apartado de “Subvencións”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta o esforzo económico do equipo de goberno para seguir axudando a todas aquelas entidades (e persoas no caso dos deportistas individuais) que traballan polo municipio de xeito desinteresado no eido da cultura, do deporte ou da sociedade.

Nos vindeiros días publicaranse no BOPPO as bases para solicitar as axudas para as asociacións culturais, veciñais e xuvenís, que poderán ser requiridas para financiar actividades ou proxectos que contribúan á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais durante o ano 2022. Informarase puntualmente da apertura do prazo para a presentación de solicitudes neste eido.

Poden consultarse as bases completas das axudas municipais no eido do deporte e social nos seguintes enlaces:

BOPPO.BASES SOCIAIS 2022 6 ABRIL

BOPPO. BASES DEPORTIVAS 2022 6ABRIL

Así mesmo, xa están publicadas na Sede Electrónica da web do Concello, no apartado de subvencións (https://tomino.sedelectronica.gal/dossier.3) os formularios para as solicitudes de SUBVENCIÓNS ENTIDADES DEPORTIVAS , DEPORTISTAS INDIVIDUAIS e SOCIAIS 2022.