Tomiño conciencia sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias panel a panel

Tomiño conciencia sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias panel a panel

O Mercado de Tomiño acolle ata o vindeiro 6 de setembro a exposición ‘Protempo’, unha mostra coa que Axega está a percorrer a área transfronteiriza do Miño

A alcaldesa visitou este venres a exposición acompañada do xerente de Axega e do Xefe de Servizo de Emerxencias de Pontevedra

Concienciar sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias. Ese é o obxectivo da exposición do proxecto ‘Protempo’, unha mostra que estará ata o vindeiro 6 de setembro no Mercado de Tomiño e que, panel a panel, amosará ao público as emerxencias derivadas do cambio climático e dos desastres naturais.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou este venres a exposición acompañada do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e do Xefe de Servizo de Emerxencias da provincia de Pontevedra, Miguel Ángel Pérez Dubois.

A parada no concello tomiñés pecha esta exposición itinerante que percorreu o río Miño transfronteirizo e que está integrada por paneis e material audiovisual sobre as situacións de risco na Eurorrexión, as causas, o impacto e os recursos para combatelas.

A mostra está enmarcada no proxecto Protección Transfronteiriza de Emerxencias dirixida á Poboación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, financiado con fondos Interreg Europa do programa Poctep 2014-2020. A iniciativa ten como obxectivo promover a concienciación sobre o cambio climático e a prevención e xestión de riscos, así como aumentar a resiliencia territorial ante os perigos naturais nas zonas de fronteira.

Con este proxecto búscase reforzar a transferencia de coñecementos aos grupos de poboación máis vulnerables, a cativada e as persoas maiores, co fin de que sexan conscientes e teñan a capacidade para actuar ante os riscos de emerxencias relacionados co cambio climático, cada vez máis frecuentes e de maior virulencia, como incendios forestais, vagas de frío ou calor, tormentas, inundacións… Trátase así de conseguir un incremento da eficacia na prevención, mediante campañas e accións de capacitación cara a un público obxectivo con menor coñecemento sobre como auto protexerse ante as distintas situacións da emerxencia climática.