Tomiño conmemora o Día do Libro con arte e literatura

Tomiño conmemora o Día do Libro con arte e literatura O domingo 23 o concello acollerá a presentación da nova edición do libro de Josefa García Segret e a representación de ‘Frida’

As librerías ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras ese día

 

O domingo 23 o concello acollerá a presentación da nova edición do libro de Josefa García Segret e a representación de ‘Frida’Tomiño prepárase para conmemorar o Día Internacional do Libro o vindeiro domingo 23 de abril cunha xornada con moita arte e literatura. O día comezará coa reivindicación da memoria oral e histórica coa presentación da nova edición do libro ‘Abaixo as ditaduras!’ de Josefa García Segret, unha versión realizada ao abeiro da Colección Afranio do Concello de Tomiño.

Ás 12.00 h a Casa dos Mestres de Forcadela achegarase ao público esta nova versión que recolle a tradución ao galego de María Alonso Seisdedos e que se completa cun prólogo sobre a memoria das mulleres a cargo de Marga do Val, cunha intensa contextualización histórica da man da investigadora Natalia Jorge e cun epílogo do escritor e profesor Manuel Forcadela construído a través das memorias da súa nai. O acto, que estará aberto á toda a veciñanza con entrada libre, trasladarase en caso de choiva ao auditorio municipal de Goián.

A xornada continuará xa pola tarde co espectáculo ‘Frida’, da Cova das Letras, unha peza dirixida ao público familiar onde a través do corpo en movemento, monicreques e obxectos ponse en valor o poder transformador da arte. Co gallo do Día do Libro, todas as familias que acudan á representación serán agasalladas cun libro e todas as persoas asistentes cun marcapáxinas de ‘Frida’. Será ás 17.30 horas no auditorio de Goián con entrada de balde. O Concello xa realizou dous pases desta obra para todo o alumnado de educación infantil e de secundaria de Tomiño.

Descontos

Para completar a conmemoración do Día do Libro, o Concello de Tomiño ofrecerá un 10% de desconto en todos os libros que se merquen durante o propio 23 de abril. Ese domingo as librerías tomiñesas abrirán en horario de mañá para que a veciñanza poida desfrutar da literatura e do pracer da lectura.