Tomiño consegue 560.000 euros de fondos europeos para transformar a Casa dos Mestres na Casa do Tempo

Tomiño consegue 560.000 euros de fondos europeos para transformar a Casa dos Mestres na Casa do Tempo É un dos 15 proxectos subvencionados en toda Galicia polo programa PIREP de entre as máis de mil iniciativas presentadas a nivel estatal

Toda a proposta foi elaborada coa colaboración coa veciñanza e en coordinación coa comunidade de montes de Sobrada

Tomiño vén de conseguir unha subvención de 560.000 euros de fondos europeos para transformar a Casa dos Mestres e as escolas unitarias de Sobrada na Casa do Tempo, un lugar dixital, interactivo e inclusivo destinado á recollida e conservación de documentos gráficos e audiovisuais sobre os usos, costumes, patrimonio e tradicións desta parroquia.

Este proxecto foi un dos 15 seleccionados en toda Galicia de as máis de mil iniciativas presentadas en toda España para recibir este fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. A proposta presentada polo Concello de Tomiño acadou unha moi boa puntuación, quedando no posto 111 de entre todos os proxectos que optaban ao financiamento.

 

Con este proxecto, realizado en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sobrada, rehabilitarase a antiga escola unitaria da parroquia construída en 1950 creando un espazo de participación na que a veciñanza sexa tamén a protagonista, xa que poderán contribuír á creación e enriquecemento do arquivo histórico gravando os seus propios testemuños e achegando material gráfico e audiovisual xa existente. As obras suporán un investimento de case 800.000 euros.

“Será un espazo inclusivo, pensado para todos e todas, porque todas as historias son importantes. Un testemuño de hoxe será unha lembranza que mañá alguén quererá coñecer e que falará en primeira persoas de como era a nosa vida”, explica a alcaldesa, Sandra González.

O centro axudará a preservar a memoria da parroquia grazas ás ferramentas dixitais de doado manexo que albergará no seu interior e que converterá o espazo en punto de recollida, almacenamento e tamén creación. A Casa do Tempo contará cunha peza central a través da que os usuarios e usuarias poderán escanear e depositar imaxes da súa propiedade sen necesidade de deixalas fisicamente, ademais dun arquivo ao que se poderá acceder de forma dixital.

 

O futuro centro contará tamén cunha ‘cápsula do tempo’, unha sala na que as persoas interesadas poderán entrar a gravar os seus testemuños en vídeo de xeito sinxelo, axudando así a crear un banco da memoria que recolla dende nomes de lugares, receitas de cociña típicas ou festas e celebracións tradicionais ata xogos populares, artes de pesca ou a descrición de personaxes da parroquia. Haberá tamén a disposición da veciñanza unha sala de edición na que poder traballar nos seus propios vídeos, así como unha sala de xogo dixital na que poñer a proba os coñecementos sobre a cultura e o territorio da parroquia de Sobrada.