Tomiño consolídase como municipio verde con catro novas Flores de Honra

Tomiño consolídase como municipio verde con catro novas Flores de Honra O auditorio de Goián acolleu a gala de Vilas en Flor, na que se entregaron galardóns a 38 concellos

Día histórico para Tomiño. O municipio acolleu este venres a gala de entrega de distintivos de Vilas en Flor, un movemento que se consolida como unha referencia en boas prácticas ambientais para os municipios de menos de 40.000 habitantes. E fixo de anfitrión co maior premio posible: renovar as catro Flores de Honra coas que contaba e que poñen en valor o deseño, xesetión e mantemento dos espazos verdes urbanos. Tomiño é, xunto a Allariz e Chantada, un dos tres únicos municipios en obter o maior distintivo.

A edición deste ano contou con 38 concellos inscritos que recibiron en Tomiño os galardóns. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Sandra González, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, xunto con Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; e Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe. Tamén acudiron o presidente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), Víctor Pérez, e o presidente da Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor), Ignacio Etxebarría, en calidade de representantes das entidades organizadoras xunto coa Fundación Juana de Vega.

“Esta gala é un recoñecemento á traxectoria do noso concello neste certame e reflicte a notable evolución de Tomiño nos últimos anos. Este progreso é testemuño do traballo, dedicación e compromiso coa mellora da contorna e da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, sinalou a rexedora. A alcaldesa destacou o traballo realizado durante anos “para recuperar espazo público nos núcleos urbanos e nas parroquias, creando espazos seguros para as relacións sociais, para o xogo de nenos e nenas para a supervivencia do comercio local”.

Sandra González salientou a importancia de ter un tecido agrícola modernizado como en Tomiño. “Tomiño é unha potencia en economía agraria, coa nosa planta, o noso viño, a nosa froita ou os nosos viveiros, de prestixio internacional e dos que procede gran parte do verde que loce nas vilas e cidades galegas, pero tamén de España e de Europa. Queremos agradecer ás empresas, traballadoras e traballadores do sector o seu esforzo e os éxitos conseguidos”, recalcou.

Pola súa banda, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, recoñeceu o esforzo desenvolvido polos concellos inscritos a prol da mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos seus veciños a través de proxectos de axardinamento e ornamentación floral. Mentres, Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, recordou que Vilas en Flor tamén potencia a produción agrícola porque aumenta a demanda dos viveiros, un sector con moito futuro. “Galicia reúne moi boas condicións para o cultivo de plantas ornamentais”, recordou.

Este é o quinto ano que Tomiño participa no certame ‘Vilas en Flor’, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) co obxectivo de recoñecer a riqueza natural e paisaxística dos concellos participantes e a mellora estética e funcional do territorio poñendo en valor aquelas actuacións medioambientais enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.

As Flores de Honra, que abranguen cinco niveis, concédense aos municipios participantes segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Tomiño consolídase como municipio verde con catro novas Flores de Honra