Tomiño constitúe unha mesa de traballo para garantir a convivencia entre o desenvolvemento do sector agro e veciñanza

Tomiño constitúe unha mesa de traballo para garantir a convivencia entre o desenvolvemento do sector agro e veciñanza

O Concello porá en marcha en Carregal un proxecto piloto para ordenar as plantacións agrícolas nas contornas residenciais para proporlle á Xunta que o adopte como referente 

A comisión contará coa presenza de acuBam, Coxapo, persoal investigador, empresas produtoras, comunidades de montes e augas ou veciñanza, entre outros

O Concello de Tomiño constituirá unha mesa de traballo integrada por representantes de diferentes eidos para garantir a convivencia entre o desenvolvemento do sector agro e a veciñanza. A alcaldesa, Sandra González, e concelleiros e concelleiras mantiveron este xoves unha reunión no salón de plenos do Concello na que participaron o xefe do Servizo Provincial de Medio Rural da Xunta en Pontevedra, Antonio Crespo, con representantes de Coxapo, do persoal investigador do departamento de Ecoloxía e bioloxía animal da Universidade de Vigo, da comunidade de montes de Amorín, da traída de augas de Carregal, de empresas produtoras e cinco membros dunha comisión veciñal que rematou co obxectivo conxunto de crear esta mesa de traballo para a ordenación de plantacións agrícolas nas contornas residenciais e as problemáticas ambientais polo uso de fitosanitarios no agro.

O Concello de Tomiño porá en marcha un proxecto piloto en Carregal para elaborar de forma consensuada un decálogo de boas prácticas que funcione como un protocolo de recomendacións que permitan esa ordenación das plantacións agrícolas, abordar as problemáticas asociadas e recompilar que medidas correctoras poden establecerse para reducir a incidencia que pode ter a agricultura extensiva en zonas residenciais.

Tomiño non é un caso illado, xa que as problemáticas asociadas ao desenvolvemento do agro en zonas poboadas é algo que se repite por toda Galicia e que xa foi debatido no Parlamento galego, xa que a Xunta é a única administración con competencias para o seu ordenamento. Por este motivo, tras a análise da situación e a elaboración deste decálogo, o Concello levará ante a Xunta de Galicia esta iniciativa para que poida servir de referente na ordenación da actividade agraria en lugares de concentración de persoas.

O Concello de Tomiño convocará a mesa de traballo na que participarán de forma activa representantes de acuBam, Coxapo, empresas produtoras, comunidades de montes e de augas ou veciñanza, entre outros.

Esta mesa de traballo xurde a raíz da incomodidade da veciñanza pola proliferación de moscas. O Concello traballa coa Universidade de Vigo para estudar a orixe desta problemática, que está aínda por determinar.