Tomiño conta xa con 500 puntos de luz, acondicionados con lámpadas de luz led, que producen un aforro do 70 por cento A medida comezou a implementarse na última lexislatura e a idea é continuar até cubrir todo o termo municipal

O Concello de Tomiño continúa executando o proxecto de eficiencia e aforro enerxético asumido ao principio da lexislatura, co fin de aforrar un 70 por cento do consumo eléctrico habitual e respectar ademais o medio ambiente.

Dito proxecto, implicou o cambio e reposición de equipamentos (cadros eléctricos, postes, cables, etc.) e lámpadas de luz led, en numerosos barrios de diferentes parroquias (Pousadela, Rotea Vella, Cristelos, entrada á estrada de Tebra, Barro, todo Pinzás e Vilachán do Monte, etc.), cun investimento nos últimos catro anos de máis de 100.000 euros na substitución de 500 puntos de luz led e na reposición de equipamentos varios.

Manuel Álvarez, responsable da área municipal de Seguridade Cidadá e Iluminación Pública, informa que a intención do equipo de goberno é a de continuar repoñendo toda a infraestrutura eléctrica do concello para unha maior eficiencia e aforro enerxéticos, máis limpos co medio ambiente e cun custe moito menor para as arcas municipais