Tomiño continúa coa recuperación do patrimonio sinalizando os seus templos románicos Foron colocados paneis explicativos e informativos nas igrexas de San Vicente de Barrantes, Santa María de Tebra e Santa María de Tomiño

Tomiño continúa avanzando na recuperación e dignificación do seu patrimonio. Na actualidade a concellería de cultura está implementando un proxecto cuxo obxectivo é localizar, inventariar e documentar o patrimonio de carácter etnográfico ligado á arquitectura tradicional e os exemplos de igrexas e capelas románicas do concello.

Neste sentido, o concello de Tomiño conseguiu unha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 11.764,38 euros, coa cal se levou a cabo o inventario de todo este patrimonio, realizado pola historiadora da arte Sara Quintana. Ademais disto, asinouse un convenio coa Diócese Tui-Vigo para a instalación de tres paneis informativos e explicativos nas igrexas de Santa María de Tebra, Santa María de Tomiño e San Vicente de Barrantes, co obxectivo de difundir e dar conta do valor patrimonial destas obras arquitectónicas.

As igrexas e capelas románicas presentes no concello de Tomiño, ás que hai que sumar as igrexas de San Salvador de Tebra e San Salvador de Sobrada, son testemuñas dun período da historia especialmente relevante no municipio, gardando a memoria do seu pasado e a súa importancia na Idade Media, polo que merecen contar cunha boa difusión e sinalización.

Ademais da catalogación das igrexas e capelas románicas, no inventario serán incluidos todo tipo de bens que integran o patrimonio etnolóxico do municipio como pontes antigas, cruceiros, hórreos, petos de ánimas, muíños de río e a infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento ou fontes e lavadoiros, entre outros elementos.

“Este proxecto é importante non só para ter un inventario completo do patrimonio existente no municipio, senón que é fundamental para poñelo en valor, difundilo e perpetuar a identidade de Tomiño a través da historia facendo partícipe a veciñanza no proceso”, comenta a concelleira de Cultura Ana Isabel Fernández.